O primeiro grolo de vodka
Francesc chegou primeiro. Pediu unha caña e fregou as mans contra os pantalóns vaqueiros ao tempo que examinaba de novo o espazo, non fose a ser que se lle pasase a presenza dela. Recoñeceuna ao mirar á porta, polo xeito de vestir, cando se deu a volta un pouco para pechar sen facer ruído. Resultoulle curioso, cando ela foi minutos máis tarde ao baño e o mozo tivo tempo de reflexionar, tela recoñecido por ese feito, a roupa, e non por trazos físicos do rostro ou do seu corpo. O caso é que ela entrou e axiña o recoñeceu tamén a el, non había moita xente no bar e de feito era a única persoa sen compaña.
Foi Katerina quen se puxo en contacto con Francesc, semanas atrás, mediante un amigo común que a moza polaca coñecera durante unha visita académica a Berlín. Podería parecer casualidade, pero non é así, a xente acode a determinados locais en función dos seus gustos, das súas intencións e das súas posibilidades, nada disto forma parte das características da casualidade. Quero dicir que tanto Katerina coma o amigo de Francesc acudiron a aquel lugar de Berlín en que se coñeceron porque andaban a procurar a alguén así.
Porque o asunto foi que Francesc comezaba a ter contactos cunha xente que estaba interesada en adquirir un tipo de armamento moi concreto. A primeira vez que estivo presente nunha conversa sobre o tema nin sequera se lle pasou pola cabeza a posibilidade, el foi, simplemente, testemuña dun diálogo. Pero cando chegou a casa e lle contou a Jaume o que fixera aquela tarde, Francesc escoitouse a si mesmo e pensou que, quizais, era unha vía de negocio que era necesario, cando menos, estudar. Non sería tan difícil atopar un contacto no estranxeiro, facer algunhas preguntas e avaliar se os beneficios compensaban.
E por iso estaba alí Katerina, para darlle información que traía na súa cabeciña, datos, basicamente números concernentes a munición, calibres, caixas e algúns cálculos feitos por ela mesma durante a aburrida longa viaxe vía Londres, cálculos que tentaban achegar conclusións evidentes para Francesc, para que se animase a entrar no xogo. Era o medio que tiña ela, tamén, de sacar tallada de todo aquilo. E díxollo ao mozo, así, clariño, a súa tarifa como intermediaria, antes de que o camareiro pousara na barra o primeiro disparo de vodka.