Execución
Marta presentouse no salón e pechou a porta cun golpe, mostrou o autoadhesivo negro e vermello de Albert coma se fose unha bandeira branca entre os seus compañeiros. Mireia, Francesc e Jaume ergueron os ollos para mirar o pequeno anaco de papel que a man da moza izaba diante deles. A idea de Marta era a seguinte. Non era necesario matalo. O máis probable é que o rapaz xa estivese fichado pola policía, no arquivo ese de rojos, vagos e bandidos seguro que tiñan unha ficha del e duns cantos amigos.
O refén non os vira apenas, aínda tiña os ollos vendados, non sabía onde estaba, non podía ofrecer dato ningún verificable á policía, polo que o seu testemuño, no caso de que quixera intercambiar a súa vida por información relativa a eles, carecería de credibilidade. Ademais, para o estado era moito máis rendible ofrecerlle á sociedade, naquel contexto en que se atopaban, a detención e procesamento dun axitador político que as pistas e a persecución de catro ladróns de igrexas e bancos. Así que o tema, o único problema, era chamar a atención da policía, que fosen eles, dalgún xeito os que atrapasen a Albert. Aínda era madrugada, tiñan tempo para actuar antes de que houbese moitos máis ollos nas rúas de Barcelona.
A solución outorgouna Mireia despois de pensar ben as palabras e non arriscar a súa posición, ofreceuse voluntaria para entregarllo á policía. Ela sabía onde atopar ao axente Cabanillas, ela sabía que aquel piso franco xa estaba vixiado e, efectivamente, calquera información que puidese dar Albert sería irrelevante para a policía. Dixo que o deixasen ao seu cargo, que confiasen nela. O resto do grupo, cansado despois dunha noite atarefada, sentiu tanto alivio que non quixo facer moitas preguntas, limitáronse a seguir as instrucións de Mireia e meteron a Albert no maleteiro do 124.
O certo é que o Aparatus comprobou a efectividade da acción de Mireia semanas despois. Jaume achegouse á barra dun bar para almorzar e colleu un xornal mentres o camareiro se dispuña na tarefa de servirlle o café e as torradas. A máquina dos zumes machacaba dúas laranxas sen compaixón e Jaume botaba o ollo ao titular sinxelo e explícito que acompañaba unha foto do home que entregaran á policía: EXECUTADO. A reacción de Jaume ante a noticia foi un encollemento de certos músculos da face e un suspiro que ningún dos dous axentes que o vixiaban de cerca, Cabanillas e Pujol, puido interpretar.