38

O autoadhesivo

Os catro mozos chegaron ao piso de alugueiro que tiñan na rúa Mallorca envoltos nun silencio que respondía máis á preocupación ca a unha sensación de cansazo. Eran as catro da madrugada e Albert colaboraba cos seus secuestradores fortuítos sen saber cal era o futuro que lle agardaba. Saíu da furgoneta en silencio, sen forcexar e sen grande aparato xestual por facer incómodo o seu traslado dende o garaxe. Hai xente que pensa que polo feito de teren a razón do seu lado nada malo poderá acontecerlles. Albert non imaxinaba nin de lonxe o negro futuro que lle agardaba nas mans daqueles delincuentes de luva branca.

Por unha banda Mireia e Francesc sostiñan con énfase dramática que cumpría matar ao refén, desfacerse del inmediatamente e do xeito máis expedito, sinxelo, sen contemplacións. Francesc non mostraba ningunha fenda na súa posición, non contemplaba outra posibilidade que non fose matar a Albert e botar o corpo en calquera lugar abandonado, moi lonxe. A opinión de Mireia era unha pose, evidentemente, o cometido principal de Mireia ante esa situación delicada era pasar desapercibida, mostrar a súa entrega ao proxecto e non dar motivo aos compañeiros para sospeitar das súas verdadeiras intencións. De feito fíxoselle rara a postura de Jaume.

Jaume consideraba que non era necesario chegar a ese extremo ou, cando menos, que era necesario ter a máxima información posible antes de levala a termo. Argumentaba que el era consciente do risco que comportaba deixar testemuñas e cabos soltos. Pero consideraba que un morto era outro cabo solto, a longo prazo, si, pero un grave cabo solto. Porque alguén atoparía o corpo e máis tarde ou cedo a policía empezaría a facer pescudas en relación ao asunto. Jaume quería interrogar ao refén que nese intre de debate escoitaba como a porta do cuarto onde se atopaba se abría e entraba Marta.

Marta entrou con decisión e berroulle a Albert que estivese quedo, que non lle ía facer nada. Palpoulle con forza nos petos dos pantalóns e sacou unha pequena carteira de coiro. Da billeteira sobresaía un papel de xeito evidente. Marta tirou del e viu a imaxe negra e vermella: era o autoadhesivo dun sindicato. Queda deitado na cama e non te movas, pártoche a cara! Marta sabía que aquilo era relevante, que podía ser moi útil á hora de tomar unha decisión, quizais non sería necesario matalo, quizais poderían facelo outros no seu lugar.