15

Fuxida. Primeira parte

Roel detívose diante dun coche en concreto, non era unha escolla ao chou. O ruído dun camión do lixo rompeu o silencio da noite nalgunha das rúas paralelas. Roel asegurouse de que non o vía ninguén, arrimouse á porta dianteira e meteu polo espazo entre o vidro e a goma unha lámina estreita e ríxida, de metal, que levaba agochada baixo a zamarra. Apertou cara abaixo con forza e o vello sistema de apertura cedeu, levantouse o pasador, a porta estaba aberta. Roel sentou e tentou mover o volante, rompeu o sistema de bloqueo e manipulou para arrincar o motor.

Roel acelerou, pisou embrague, cambio, primeira, acelerador, embrague, cambio, segunda, acelerador, embrague, cambio, terceira, acelerador, embrague e abandonou con velocidade, en cuarta, o Eixample. Dirixiuse á comisaría do carrer Noguer. Detivo o coche sen aparcalo a uns trinta metros da porta, limitouse a agardar dentro do Alfa Romeo vermello, agarrábase coas dúas mans ao volante, con forza, como se o volante fose unha áncora que o mantiña en tensión, alerta, até que chegase o intre axeitado. Era madrugada e case non había tráfico. Tampouco lle importaba moito se había testemuñas ou non.

Despois de liberar a súa ira pasaría polo carrer Mallorca, onde Marta escoitaba música, soñaba con illas gregas e unha fuxida inmediata, no piso franco que non se decidía a abandonar. Sería unha sorpresa, non había tempo para chamadas de cortesía, falar do tempo que había que non se vían e moito menos para negociar ou falar sobre o modo axeitado para saír da cidade. Roel sabía que entraría no piso, recollería á moza e marcharían de Barcelona, sen descanso, cara ao Segriá, na procura de quen se facía chamar Mireia Mainer.

O primeiro que recoñeceu na escuridade foron os uniformes verdes, despois as persoas. Os axentes Camps e Badié saían da comisaría. Foi o intre en que o volante recuperou a súa función no mecanismo do vehículo. Camps e Badié cruzaban a rúa e conversaban, escoitaron o ruído súpeto dun motor que se lles viña enriba. Pero non tiveron tempo de reaccionar. O coche golpeou as pernas de Badié e o seu torso cedeu, inclinouse con forza e a cabeza bateu mortalmente contra o capó. O coche pasou por riba de Camps producíndolle excoriacións, equimose, esfoladuras, desprendemento de partes brandas. Tamén morreu, Roel imaxinouno, non tiña tempo de pararse a comprobar o resultado da súa ira.

 

Bookmark the permalink.

Comments are closed.