O principio da fin
Jaume e Mireia puñan a mesa axudados por Katerina, o son metálico dos cubertos que antecede o banquete. Mentres, Marta abría a botella de viño na cociña. Estaban todos en Malgrat de Mar, alugaran un piso durante uns días para planificar a pequena viaxe á fronteira e a cita en Argelers. Francesc chegaba da rúa coa paella que encargaran no restaurante, estaba pletórico ao interpretar o papel de protagonista dentro do grupo. Porque aquilo era unha celebración, ningún imaxinaba que puidesen recuperarse tan cedo e atopar outro obxectivo co que traballar. O roubo de arte sacra formaba parte do pasado, os acontecementos déranlle a razón a Francesc.
Sentaron axiña en canto a paella estivo sobre a mesa, encheron os vasos de viño branco e brindaron polo grupo, por eles, por suposto. Ese brinde fíxolle pensar a Mireia, como sempre que o facían, na súa posición. E naquelas circunstancias era un pensamento pesimista. Tíñao moi complicado agora, os seus planos estaban enfocados en atraer o grupo a outros contextos nos que ela si se podía manexar, nos que a sua opinión era respectada e tida en conta, tomar certas decisións. Ela, naquel preciso momento, non tiña un papel real no grupo e era consciente de que o seu éxito pasaba por facerse útil de novo.
Por outra banda, ademais, era consciente de que o axente Cabanillas xa estaba informado do cambio de rumbo e de que probablemente estaría decepcionado. Efectivamente Cabanillas sabía que o Aparatus deixaba un modus operandi que tiñan controlado grazas á infiltrada e estaba desencantado con Mireia, que non soubese manexar a situación dun xeito máis eficiente. A infiltrada, agora, tiña medo de que as cousas se precipitasen antes de tempo en calquera dos dous sentidos: que os membros do Aparatus se decatasen das súas intencións ou que o axente Cabanillas tentase deter ao grupo antes de ter probas abondo para detelos e encerralos.
Aquela comida era unha celebración que non auguraba nada do que acontecería posteriormente, ningún dos membros do Aparatus imaxinaría o xeito en que cambiarían as súas vidas ao día seguinte. E non pola operación de contrabando en si, os feitos relevantes da xornada seguinte non terían nada que ver coas caixas de kalashnikov que os agardaban en Francia. Para que todo acontecese como aconteceu, non sería necesario chegar a Argelers, non sería preciso cruzar a fronteira.