O Aparato
Mireia Mainer, así é coñecida polos membros do Aparato agás Jaume Bastida que sabe o seu verdadeiro nome, tamén está inmersa no proceso de dixerir as circunstancias inevitables da súa vida. Sabe que podería vivir durante un tempo considerable naquela vila do Segrià, baixo o nome de Mirelha Arnal e a escusa dun traballo a distancia. Está afeita a moverse, a sobrevivir, a soidade non é unha situación que lamente en exceso. Por iso preferiu non aceptar a posibilidade de agocharse no piso franco da rúa Mallorca e marchou de Barcelona sen a compaña de Marta.
Mireia accedeu á proposta de formar parte do Aparato polo seu propio interese e non grazas ás capacidades de Francesc Bastida para disimular, cun verniz de moral e ideoloxía, as actividades delitivas do grupo. Daquela o Aparato era un grupo non moi numeroso, como moito seis persoas, que se organizaba para cometer roubos especializados. Unha importante cantidade deses asaltos profesionais, case a metade, eran por encargo. Os recursos de Mireia, a súa especialidade, a razón pola que o Aparato necesitaba unha persoa coma ela, eran os seus coñecementos de arte románica e gótica.
Mireia Mainer foi educada dende nena entre monxas, no fervor relixioso do mosteiro de Ferreira de Pantón, e ao rematar o bacharelato foi enviada a Roma para continuar os seus estudos de arte sacro. A súa inclinación non naceu baixo o amparo do mosteiro, rodeada de hábitos, pregarias e rosarios. O lume de Mireia acendeuse coa experiencia reveladora da contemplación do arco de San Xoán de Panxón, vocación que a levou a especializarse en arte otoniano e nas relacións entre o Imperio Bizantino e o Reino Suevo.
E agora estaba, anos despois, lonxe de Galicia, lonxe de Roma, nunha casa que forma parte da perfecta retícula urbana deseñada no seu día por un arquitecto ilustrado.