Empezar de novo
Era noite cando o xeneral Roel entrou, forzando a porta, na casa do seu irmán. Foi directo á cociña, abriu varios armarios e caixóns, rápido e nervioso, até que abriu o da mesa. A pistola estaba sobre os coitelos, os garfos e as culleres. Colleuna, comprobou que estaba cargada e levouna na man, examinando a casa. No salón atopouse coa presenza dunha botella de Żubrówka como único elemento decorativo da peza. O xeneral sentou no sofá na compaña da pistola e dalgunha forma sospeitaba, dende que as actividades do seu irmán empezaron a desenvolverse no país, que chegaría aquel momento en que se atopaba.
Roel non estaba ante unha encrucillada, xa non había opcións, nada que decidir, a razón pola que insistiría en encher unha e outra vez o seu vaso co aromático vodka pisado polos bisontes era para asimilar as consecuencias da situación e para pensar, isto si, no mellor xeito de manexala. Por unha banda, pensaba o xeneral, o seu irmán Francesc estaba máis que probablemente morto, levaba días desaparecido e nin sequera cos seus contactos puido saber nada sobre a súa sorte tras ser secuestrado no hospital.
Ademais, no panorama urxente da conxuntura, estaban o Aparato, do que non formaba parte dende que cambiara de identidade e Katerina, a vella compañeira de adestramento, vodka e mocidade. Había anos que eles dous, Roel e Katerina, mantiñan contacto por carta, era ela quen lle enviaba as botellas de vodka e, sobre todo, quen o animou a distanciarse do seu irmán e do Aparato. Non estaba seguro pero non era moi difícil imaxinar como reaccionaría ante a información que lle enviara a Varsovia, era evidente que chegaría dentro duns días a Barcelona co ánimo de atoparse co vello amante, con alguén a quen non podería atopar.
E finalmente, por suposto, estaba o seu propio futuro, as decisións inevitables que debería tomar. Porque as autoridades non tardarían moito en unir fíos, ao xeneral Roel non lle quedaba moito tempo antes de que descubrisen os seus lazos familiares e a súa vida de outrora. Un día, hai moito tempo no pasado, tivera que tomar unha decisión semellante, deixar de apelidarse Bastida e comezar unha vida nova que o levaría ao xeneralato. Agora, as circunstancias obrigábano a comezar de novo, abandonar a máscara, volver ser o que era e, ironicamente, camiñar pola senda que noutro tempo desbotara.