13

Empezar de novo

Era noite cando o xeneral Roel entrou, forzando a porta, na casa do seu irmán. Foi directo á cociña, abriu varios armarios e caixóns, rápido e nervioso, até que abriu o da mesa. A pistola estaba sobre os coitelos, os garfos e as culleres. Colleuna, comprobou que estaba cargada e levouna na man, examinando a casa. No salón atopouse coa presenza dunha botella de Żubrówka como único elemento decorativo da peza. O xeneral sentou no sofá na compaña da pistola e dalgunha forma sospeitaba, dende que as actividades do seu irmán empezaron a desenvolverse no país, que chegaría aquel momento en que se atopaba.

Roel non estaba ante unha encrucillada, xa non había opcións, nada que decidir, a razón pola que insistiría en encher unha e outra vez o seu vaso co aromático vodka pisado polos bisontes era para asimilar as consecuencias da situación e para pensar, isto si, no mellor xeito de manexala. Por unha banda, pensaba o xeneral, o seu irmán Francesc estaba máis que probablemente morto, levaba días desaparecido e nin sequera cos seus contactos puido saber nada sobre a súa sorte tras ser secuestrado no hospital.

Ademais, no panorama urxente da conxuntura, estaban o Aparato, do que non formaba parte dende que cambiara de identidade e Katerina, a vella compañeira de adestramento, vodka e mocidade. Había anos que eles dous, Roel e Katerina, mantiñan contacto por carta, era ela quen lle enviaba as botellas de vodka e, sobre todo, quen o animou a distanciarse do seu irmán e do Aparato. Non estaba seguro pero non era moi difícil imaxinar como reaccionaría ante a información que lle enviara a Varsovia, era evidente que chegaría dentro duns días a Barcelona co ánimo de atoparse co vello amante, con alguén a quen non podería atopar.

E finalmente, por suposto, estaba o seu propio futuro, as decisións inevitables que debería tomar. Porque as autoridades non tardarían moito en unir fíos, ao xeneral Roel non lle quedaba moito tempo antes de que descubrisen os seus lazos familiares e a súa vida de outrora. Un día, hai moito tempo no pasado, tivera que tomar unha decisión semellante, deixar de apelidarse Bastida e comezar unha vida nova que o levaría ao xeneralato. Agora, as circunstancias obrigábano a comezar de novo, abandonar a máscara, volver ser o que era e, ironicamente, camiñar pola senda que noutro tempo desbotara.

12

A carta do irmán

Katerina recibiu as novas sobre Francesc grazas a unha persoa da que había tempo non sabía nada, unha persoa que había anos que non vía, tanto coma o tempo que non tiña contacto con ese paciente 500-A que estaba hospitalizado na Santa Creu i Sant Pau. Desfacerse daquelas ataduras axudáraa a cambiar de vida. Non fora algo moi premeditado, simplemente, cando Francesc marchara de Varsovia por última vez, deixara de ter a posibilidade de facer as cousas que facía. Deixou de atracar bancos e, despois duns meses de intranquilidade, deixou de preocuparse por se estaban a seguila ou non.

En canto abriu aquel sobre sen remite e leu as palabras que contiña a folla, Meu irmán está ingresado no hospital de la Santa Creu i Sant Pau, grave. Paciente 500-A, Katerina volveu sentir o lóstrego de morriña e saudade daquel derradeiro día ao seu carón. O sol, o silencio mentres cosía e aquela aperta definitiva que marcou a súa separación. Era como un instinto irrefrenable que sempre lle acontecía ao lembrar ao amado dos vellos tempos. Nos segundos posteriores chegaba o momento consciente, a forza da vontade que busca a lóxica que xustifica o que xa é o pasado inevitable. Foi o que tiña que ser, non había outra posibilidade, era unha relación imposible, inviable etc.

Pero aquela mañá, Katerina, pensou naquel parche de Negu Gorriak, naquela cazadora que lle comprara a nai, Katerina non quixo racionalizar os seus sentimentos e non o dubidou. Comprou un billete de avión a Barcelona, vía Berlín. Necesitaba ver unha vez máis a aquela persoa que lle ensinara a disparar, a saber se a seguían, a conducir con habilidade e, sobre todo, o mellor que se lle daba a Francesc bastida: buscar unha xustificación moral á violencia e aos seus actos delictivos.

O certo é que Katerina, cando Katerina recibiu aquela carta na súa casa de Varsovia, Francesc Bastida,  o paciente 500-A, xa fora torturado, estaba morto, desfeito sobre o lixo e entullo do vertedoiro de Barcelona. Katerina deixouse levar pola anguria, pola presión do tempo ao recibir as novas. Katerina mercara os billetes cun desexo que non se cumpriría endexamais, nunca máis podería apertar e bicar ao mozo que fora o seu amante.

Pero isto, que Francesc fora torturado até a morte, non o sabía nin o seu propio irmán, o remitente da carta, o xeneral Roel.

11

No piso franco

Marta recorda a primeira vez ao carón de Francesc Bastida. Pensar no futuro non tiña sentido ningún daquela, pensar no futuro era unha contradición dentro do contexto da aposta que facían ao coller aquel ritmo salvaxe de vida de delito, viaxe e confidencialidade. E como agora chovía sobre as rúas de Barcelona, como era evidente que xa non había marcha atrás, Marta botou man do tocadiscos para acalar as voces de desespero que bouraban na súa mente. Non adoitaba estar nunha situación como aquela, de non saber o que facer.

tocadiscosMarta pensaba nos primeiros días ao carón de Francesc Bastida, en Grecia. O disco comezou a moverse e a muller, que pechaba os ollos na procura da memoria do sol, recordou ter recollido unha pedra de entre as areas dunha praia moi preto de Rodas da que agora non lembra o nome. Francesc pedíralla dun xeito estraño, cun ton na voz que molestou profundamente a Marta, Francesc pediu a pedra como se o feito de que estivesen a deitarse xuntos lle outorgase certa capacidade para demandar, para posuír aquela pedra. Marta negouse cun riso que ocultaba a decepción e gardou a pedriña no peto do pantalón branco.

Marta pensaba na primeira noite ao carón de Francesc Bastida, en Grecia, deitados os dous sobre o mesmo leito. Agora que tiña aquela pedra sobre a palma da man, agora que mira a pedra, Marta lembra con desafección que aquela noite toda a xeoloxía e a flora do mar Exeo participaran da súa suor e da súa rabia sobre as sabas. Porque sente unha desafección semellante á que sentiu pola pedra ao chegaren a Varsovia. A cor azul aquela que non semellaba propia dunha pedra, desaparecera ao marchar do abeiro do sol do mediterráneo oriental.

Marta pensaba na primeira sensación ao carón de Francesc. E quizais non o faría do mesmo xeito se soubese que aquel home estaba tirado nun vertedoiro a varios quilómetros da cidade. Entón escoitou un forte balbordo na rúa. Pechou a man gardando no interior do puño a pedra e asomou con coidado esaxerado ao vidro da xanela, aínda non era posible que puidesen tela localizado. Unha longa manifestación de dignidade pasaba polo Carrer Mallorca e os berros semellaban recitar unha ladaíña estimulante, o produto dun desexo irrealizable de fuxida e esperanza: Samotracia, Lesbos e Rodas! Eubea, Tassos e Quios! Tiña que arriscarse, tiña que moverse.

02 Banner_260x98

 

Esser en el món foi a primeira obra publicada de Manuel de Pedrolo, no ano 1949. Celebramos os primeiros 50 posts do noso proxecto Temps Obert 11.1 co primeiro fragmento deste poemario.

Lasciate ogni speranza, voi ch’entrate!

Dante, Inferno

Every poem an epitaph. And any action
is a step to the block, to the fire, down the sea’s throat
or to an illegible stone: and that is where we start.

TS Eliot, Little Gidding

Coñecemos o xeito en que as remotas, esquivas raigañas,
son hoxe a sombra que nos cingue,
son o pranto que nos envelena
de maneira secreta e lenta…

Somos nós e o mais o amor,
o denso amor do noso soño,
nada, nada máis ca isto,
como quen desprega as ás e confía,
plenamente e en silencio,
ao mesmo tempo que vacila, se alonga e se afasta,
irrefutable.

Somos espelidos, membros carnívoros,
amarga fauna de apetencias
que se devora e mingua:
os instantes coma longos séculos sen zume
a irromper: o último delirio!

Serán en van todos os bicos, querida:
os beizos senten o delito das horas e marchan;
baldíos serán os tactos:
a carne é líquido que nos rexeita.
E o amor así, está tan espido,
que o sol se nega- e a sombra se propasa.

10

Na comisaría del carrer Noguer

Cando Francesc Bastida se decatou de que fora arrestado de xeito non oficial por policías, de que fora secuestrado, xa era tarde de máis. Foi trasladado nunha furgoneta azul á comisaría situada no carrer Noguer. El non tiña coñecemento destes datos pero tampouco non lle serían relevantes, cego e amarrado a unha cadeira de rodas era perfectamente consciente do futuro que lle agardaba nas mans daqueles homes. Francesc Bastida concentrou daquela os seus esforzos na razón, Francesc Bastida preocupouse de manter a mente forte, de vencer, cando menos, a batalla psicolóxica.

Cando a comitiva chegou ao destino e traspasou as portas da comisaría, o axente Pere Ríos foi testemuña, viu os compañeiros Camps e Badié que introducían a un home, vestido cun pixama de hospital e cos ollos tapados por unhas vendas moi aparatosas, polos corredores que dan ás dependencias de interrogatorios. O axente Ríos tamén sabía o que pasaría pero pensou que non era da súa incumbencia, que non tiña nada que denunciar e moito menos que investigar, que o faga un xuíz. Pero Ríos non ignora que o xuíz non o fará porque a lei xa está deseñada para que non pase nada. Ríos quedou coa conciencia tranquila tomando un café e lendo un xornal de formato berlinés.

Os axentes Camps e Badié trasladaron ao retido a unha sala onde se atoparon co comisario Martínez, un experto en diversas técnicas que aprendera en Alxeria, Indochina e Buenos Aires. Martínez agardaba con impaciencia e descansado, sabía que tería que dirixir un método de traballo complicado que require de grandes doses de sangue fría. Pero desta volta, despois de moitos anos, non trataría cun detido, o nome de Francesc Bastida non estaba escrito en rexistro ningún, o comisario non tiña que preocuparse polo estado en que quedase a vítima.

Durante 110 horas o comisario Martínez estivo transmitindo os seus coñecementos aos axentes Camps e Badié. Na última pausa para fumar chegaron a falar en termos emotivos sobre a xustiza e as razóns polas que ingresaran no corpo, conversa que fixo abrollar unhas bágoas dos ollos de Badié. Chegaba o movemento final. O comisario introduciu o canón do seu revólver polo ano de Bastida que sentiu a mira da arma, sanguinolenta, a saír do seu corpo. Pero está canso de máis para queixarse e cae morto ao chan de porlan que regou durante cinco días cos seus fluídos.

9

Nove

O primeiro foi un libro, un agasallo de seu avó, que semellaba inocente dende a mirada daquela nena que aprendera a ler ben cedo e á que aquel home, viúvo tamén de forma temperá, ensinara a localizar, con certas evocacións que a nena non identificaba con claridade naquel tempo, topónimos, lugares como Varsovia, o río Volga ou a península de Crimea acochada no Mar Negro. Todo para que a nena fuxise durante un tempo do ambiente derrotado e triste, pegañento, do barrio de barracas onde vivían, ao carón do Mediterráneo.

A data da morte do poeta era clara na biografía que iniciaba o libro de poemas. Era a mesma biografía que encontrara despois noutros libros, unha biografía demasiado breve. Até que, coa idade de 15 anos, un pouco por casualidade, a adolescente soubo que aquel poeta fora asasinado por un pelotón de fusilamento de xeito extraxudicial. Ela estaba certa de que tiña que haber alguén que lembrase máis detalles, que lembrase aquel feito, que alguén debería estar en disposición de dar pistas a posibles vingadores, que puidese indicar datos fidedignos sobre as persoas que estiveron involucradas na morte, no asasinato do poeta.

O segundo elemento que empurrou a Núria a deixarse caer na vinganza empezou co paso lento dunha zodiac pola praia, preto da barraca, e que levou á adolescente a fixarse no mar, a ser testemuña da escena salvaxe que estaba a piques de producirse. Ve unha muller, a varios metros, que sostén algo entre as mans, semella encollida sobre si mesma. O ruído do motor da zodiac acala e a lanterna, era iso o que soportaba a muller entre as súas mans, emite un sinal composto por tres golpes de luz.

Entón Núria escoita un ruído e tírase ao chan de xeito automático, como se fose a chamada dun instinto que moito despois a sacaría doutras situacións semellantes, cando toda a praia se ilumina de súpeto polo artificio de grandes focos. A muller cae ao chan empurrada polo ímpeto dunha corda que leva atada ao van. A adolescente mira abraiada un grupo de sombras verdes que se achegan dende a liña que forman os focos, con metralletas, e que matan sen piedade ás persoas sorprendidas que baixan da zodiac. Aqueles derradeiros minutos da execución arrástranse pola esfera da memoria de Núria. Iso e o terceiro elemento: o garrote vil en que mataron a seu irmán.

8

O pasado que volve irremediablemente

A noite anterior notouse tremendamente canso e cunhas cóxegas na gorxa, nas amígdalas. Estaba seguro de cal sería o seu estado ao día seguinte. Tería calafríos, non podería tragar absolutamente nada e, sobre todo, estaría dunha mala hostia descomunal, pero vaia, iso non lle importaba moito. O xeneral Roel, malia a certeza sobre o seu futuro estado de saúde, sacou a botella do armario e mandoulle ao peito uns cantos grolos de vodka, Żubrówka, o que pisaron os bisontes. Que máis daba, a febre sería inevitable e polo menos aquilo axudaríao a durmir ben.

Ao espertar tocou coa man a testa. Ergueuse de todas as formas, duchouse, afeitouse e subiu ao coche oficial. En canto chegou ao búnker, foi directo ao salón de oficiais, sentou na mesa máis afastada, de costas á porta de entrada. Abriu o menú como se fose atopar algo novo, algo que o axudase a non marearse sobre a mesa. O camareiro chegou ao seu carón. Macarróns con salsa de tomate, moita salsa de tomate por favor. E queixo. E un vaso de viño. O camareiro tomou nota mental, xirou e tamén xirou o corpo do xeneral, para trasacordar. Que sexa mellor unha botella. A ver se mazándose ben axudaba ao corpo a non sentir as secuelas daquel fodido estado gripal.

A noticia de que Francesc Bastida fora secuestrado durante un incendio intencionado no hospital foille comunicada ao xeneral segundos antes de empezar a comer. Escoitou a voz do comandante Sardá, ás súas costas, xusto cando acababan de pousarlle sobre a mesa, diante dos fociños, o prato de macarróns con moita salsa de tomate. O xeneral chegou a pensar que era o propio comandante quen lle servía o prato. Ademais, o camareiro tamén era un inútil, esquecera o queixo. Berrou con forza. Onde está o puto queixo?

O xeneral Roel mirou o documento do servizo secreto que informaba sobre o rapto, o xeneral contemplou o texto que describía o feito e que o comandante lle ofrecía. O xeneral botaríalle as culpas, durante algúns días, á visión daquel papel que o comandante lle ensinaba tapándolle a visión dos macarróns a nadar en salsa de tomate. Pero o certo é que había outras razóns que provocaron a súa carreira ao lavabo onde trousou até o primeiro bocado da súa vida. Non lle quedaba máis remedio que acabar a farsa, enfrontarse ao pasado, marchar.

7

Unha fuxida cara atrás

Malia que sempre estivera segura de que, tarde ou cedo, acabaría estando naquela situación de fuxida, de incógnito, Mireia Mainer non pensara unha historia que contar, unha escusa, unha serie de razóns que xustificasen de xeito lóxico o feito de estar alí de súpeto, naquela pequena localidade da comarca do Segrià. Tampouco non tiña un nome alternativo pero aínda que isto si llo preguntaron, o nome, ao alugar o piso, comprobou que á xente non lle preocupan moito as razóns que levan ás persoas a trasladarse, a cambiar de vida, non é realmente necesario desenvolver un discurso, unha historia vital, falsa ou non, que nos explique.

Quizais foi por algo relacionado con este descubrimento que Mireia, Mirelha Arnal para os seus novos veciños, sentiu algo inédito ao pasar por diante da igrexa parroquial da vila, algo que a empurrou a entrar con seguridade e avanzar polo corredor que formaban os bancos até a cabeceira do templo. Foi como se unha voz do pasado, unha lembranza do que ela algunha vez chegou a ser animase á súa conciencia a reencontrarse con moitas cousas que pensaba abandonadas no curruncho estraño das cousas que non se necesitan e que saen a flote sen pedilo porque realmente non forman parte do que é accesorio.

A moza fuxida, para os seus veciños unha tradutora acabada de chegar de Toulouse, quedou mirando durante un intre as imaxes do retablo e sentou no primeiro banco, á esquerda. Había anos que non se axeonllaba nunha igrexa. Ao principio mantívose simplemente en silencio, coa mente case en branco. Só sentía a agonía da fuxida, o desexo de non atoparse naquela situación de perigo e soidade. Entón, cando a súa propia vontade se aburriu de examinar unha por unha as accións fundamentais, os puntos de inflexión, as decisións ante as encrucilladas que a levaron até alí, empezou a falarlle a outra persoa, decatouse de que empezaba a rezar.

Foi unha sorpresa, para ela que non se chamaba Mirelha Arnal e que tampouco, non, por suposto non se chamaba Mireia Mainer, decatarse de que aínda mantiña na lembranza moitas oracións e fórmulas tanto tempo atrás ignoradas e arrombadas. Cando os xeonllos comezaron a resentirse da posición, do tacto duro da madeira sobre a que pousaban, Mireia sentou no banco, respirou fondamente e polas fosas nasais entrou o recendo morno do incenso. Aquilo, as lembranzas pasadas desatadas, fixérona tremer.

6

Incendio no Hospital de la Santa Creu i Sant Pau

Francesc non se afacía ao seu estado de cegueira. Durante os primeiros días non semellaba haber diferencia entre o día e a noite e os seus outros sentidos eran excesivamente sensibles a todo estímulo. Non durmía. Foi por iso polo que reparou axiña en que algo grave estaba a piques de acontecer moi preto, na mesma sala do hospital. Lume. E non era pequeno porque axiña chegaron a el, con claridade, o son das lapas a devorar o combustible e o tacto incomodísimo do fume no seu nariz.

Despois, a alarma e, case ao mesmo tempo, os pasos que se achegaron ao pé do seu leito, dende a súa dereita. Eran dúas persoas que o moveron de xeito torpe e o colocaron nunha cadeira de rodas. Francesc pensaba naquel intre que era parte do protocolo de evacuación, que seguramente todos os enfermos situados á súa dereita foran evacuados antes ca el, que era a súa quenda. Pero o certo é que até aquel momento Francesc non escoitara ningún son que lle advertira daqueles movementos. Era tarde, era lento nas súas observacións.

A doutora Rivelles, de garda aquela noite, entrou na sala dende o outro extremo, correndo e seguida de seis enfermeiros que trataron de organizar, entre a escuridade, a confusión e o fume, a evacuación dos enfermos con problemas para erguerse ou para orientarse por si mesmos e que pedían auxilio dende os leitos cunha expresión facial de evidente pánico. Os poucos que podían moverse sen axuda saíran ao exterior. Rivelles sabía por onde quería comezar e dirixiu a súa vista á liña esquerda de camas, ao fondo, para buscar coa mirada a Francesc no lugar onde debería estar agardando. Un leito baleiro sinala a posición.

Rivelles colocou un pano na boca e no nariz, coas súas mans brancas, e correu mentres as lapas do incendio empezaban a queimar o teito. Examina a información ao pé da cama, comproba a sospeita. “Paciente: 500A, Francesc Bastida. En custodia policial. Perigoso”. Á súa dereita cae unha lámpada medio consumida polo lume e foxe, é a última en abandonar o edificio. As sirenas do camión de bombeiros obrigan aos seus ollos a mirar cara a entrada do Hospital. Un pouco máis aló do camión dous homes camiñan empurrando unha cadeira de rodas, Francesc Bastida é introducido na parte de atrás dunha camioneta azul.

 

5

O último que fixo ao seu carón

Ela quería lembrar o seu nome como unha etiqueta coa que arquivar o seu recordo, pero hai días en que Katerina sinte que todo semella seguir igual. Iso prodúcelle unha sensación espantosa, horrible, de profundo desarraigo que non pode soportar. Como se todo o acontecido durante a súa vida non servise para nada e que non hai  implicacións posibles, encrucilladas aceptables que axuden a encarar as posibilidades máis tenras e apetecibles do futuro.

Coser foi o último que fixo ao seu carón. Sentou nunha cadeira de brazos moi semellante á que tiña había anos naquel piso de Varsovia onde todo comezara para eles dous. O último que fixo na súa presenza antes de coller o avión foi coser aproveitando a raxeira intensa do sol das tres e media da tarde que entraba pola xanela. El estaba alí mentres ela tentaba coser, cunha corrección aceptable, un parche de Negu Gorriak na súa cazadora negra, aquela que a nai insistira en pagar había anos e que até o momento non vestía a miúdo porque pensaba que, malia que lle gustaba moito o deseño, a parte de abaixo, ao abrochar a cremalleira, non lle sentaba ben.

Katerina non puido comprobar se el a miraba namorado ou se tamén empregaba, esforzado nalgunha angueira, a luz intensa que quentaba as rúas dos arrabaldes de Varsovia. Quizais Francesc só miraba máis aló dos vidros da xanela, quizais imaxinaba o que farían á súa volta ao final da primavera cando as flores reinasen nos xardíns do pazo de Wilanów e Ulises os mirase, gardián, dende os frescos das paredes. Aquilo foi o último que fixo ao seu carón, coser.

Despois, ao gardar os aparellos de costura no seu lugar, levantouse poñendo a cazadora, deulle un bico, unha aperta que aínda lembra e saíu da casa dicíndolle que o amaba, que o quería, sen saber que era para sempre, que xa nunca endexamais volvería apreixar o seu corpo coa intensidade do amor que marcha pensando que a eternidade é medible. Quería lembrar o seu nome como unha simple etiqueta sen sospeitar que algún día recibiría uns datos asépticos que a axudarían a localizalo nun hospital de Barcelona: Paciente 500AC.