22

Adiantamento

Había dúas normas básicas que non se debían romper baixo ningún concepto. O espírito da primeira era termar do impulso da gula, do exceso. O roubo debe cinguirse a un tempo, un lóstrego en que dea opción a coller o obxectivo acordado. E nada máis. Por moi cerca que estivese aquel colar de perlas na xoiería que atracaran en Madrid, ningún dos dous irmáns desprazou o seu corpo para collelo. Porque non estaba dentro do plan, porque contaban con 2 minutos e dez segundos antes de que os sistemas de alarma do establecemento se activasen e Francesc sabía que se movía o corpo uns metros para coller aquelas perlas xa non poderían escapar con facilidade.

A segunda norma estaba pensada para dominar o pavor, o medo e era repetida tamén durante os intres que precedían a calquera roubo. Malia que o seu enunciado puidese parecer contraditorio, os irmáns Bastida eran conscientes de que o feito de portar armas facíaos perigosos para eles mesmos. Estaban decididos a non empregalas, a non disparar endexamais contra ninguén, baixo ningún concepto, nin sequera ante a ameaza dunha segura detención. O asasinato convertíaos en criminais perigosos, de primeira fila, e esa publicidade non lles viña nada ben. Na medida do posible tiñan que seguir sendo anecdóticos.

E era isto o que estaban a falar con voz baixa e xesto grave aquela mañá fría de xaneiro, mentres se puñan as luvas dentro do seu 124, diante dunha pastelaría, a 15 metros dunha oficina bancaria. Estaban a falar concretamente do arriscado que era levar nas mans os 560 gramos que pesaban aquelas dúas vellísimas Astra 300 cando o furgón blindado aparcaba a uns metros da súa posición. Ese era o intre en que toda a operación debía comezar, o intre concretísimo en que as rodas do furgón se detivesen por completo sobre o asfalto.

E foi entón, cando Jaume xiraba coa man esquerda a chave para poñer o motor en marcha, cando os marabillosos freos de disco doutro SEAT 124 se accionaban ao seu carón. Os dous irmáns quedaron con cara de parvos contemplando como unha soa persoa, por moito que fose tapada cun abrigo grande era evidente que se trataba dunha muller, cometía nuns segundos o golpe que eles tiñan programado. E foi así, sen preguntarse sequera cantas probabilidades había de que se dese aquela casualidade, de que todo iso estivese a acontecer, como coñeceron a Marta Fernández.

21

O ataúde

Son as sete da mañá dun luns que ameaza con ser un dos oitenta e cinco días que chove na cidade de Alxeciras. Vai frío no centro loxístico do porto, aínda falta unha hora cando menos para que saia o sol. Unha cuadrilla de operarios afánase en cargar a tempo o último vagón dun tren de mercadorías que tardará case nove horas en chegar ao seu destino: Barcelona. Un guindastre axuda a dous mozos a colocar unha pequena pero pesada caixa de madeira. Non hai nada do que abraiarse ou do que sospeitar, todos os vultos son pesados e incómodos.

Os mozos agardan na porta do vagón para introducir o último elemento do cargamento dun convoi que mide case 400 metros. Chega a máquina amarela que transporta o último pallet. Os mozos míranse sorprendidos, son novos, é a primeira vez que se atopan con algo así no traballo: un ataúde. A primeira intención é o instinto da superstición, de negarse a tocar ese frete que a máquina xa situou á altura do vello chan do vagón. O berro seco e apresurado do operario da máquina transportadora obrígaos a moverse e empurrar o ataúde até unha esquina do vehículo de carga.

O convoi, que era tirado por unha locomotora da serie 319 de 1159 cabalos de vapor, partiu de Alxeciras con puntualidade. E cando levaba seis horas e media de viaxe o ataúde ábrese. Jaume Bastida sae do interior cunha pequena caixa de ferramentas e unha panca nas mans. Móvese buscando unha caixa moi concreta, unha caixa pequena, unha que leva un enorme adhesivo laranxa co texto “Fráxil”. Jaume emprega a panca con habelencia, procurando non desfacer en exceso a madeira da caixa. En canto saca a tampa lateral faise visible o seu contido: unha caixa forte.

Dez horas e media despois Francesc Bastida aparca un vello coche funerario no interior dun taller de Castelldefels. Está incómodo co traxe e a garabata, pero o que máis o amolan son os zapatos, que lle están a facer unha ferida nos calcañares dende que saíu do porto de Barcelona. Pecha por dentro a porta do taller, afrouxa o nó da garabata e deixa a chaqueta sobre uns pneumáticos vellos. Abre a porta traseira do coche e golpea o ataúde cos cotenos. Abre a tampa e aí está Jaume, enchoupado en suor, facéndose o morto coas mans cruzadas sobre o peito, coa lingua fóra, rodeado de billetes.

 

 

 

21

The coffin

It is seven in the morning on a Monday, which looks like one of the eighty-five rainy days in the city of Algeciras. It is cold in the harbour’s distribution centre and there is at least one hour before sunrise. A crew of workers toils in time to load the last wagon of a goods train that will take nearly nine hours to reach its destination: Barcelona. A crane helps two guys to place a small but heavy wooden box. There is nothing to wonder, nothing to suspect. All packages are heavy and uncomfortable.

The young men are waiting at the door of the wagon to put the last item of the shipment, in a nearly 400-meter long wagon. The yellow machine that carries the last pallet arrives. The guys look at each other surprised, they are novice, this is the first time they meet with something like that: a coffin. The first reflex is the instinct of superstition, to refuse to touch that thing which the machine placed into the old wagon floor. The curt cry of the machine operator forced them to move and to push the coffin to a vehicle’s corner.

The convoy, pulled by a 319 locomotive of 1150 horsepower, departed from Algeciras on time. After six and a half hours, the coffin was opened. Jaume Bastida came out of the coffin with a small toolbox and a lever in his hands. He moved around looking for a very specific box, a small one with a huge orange sticker: “Fragile”. Jaume used the lever skilfully, taking care not to destroy the wooden box. When he pulled the side cover the content was visible: a safe.

Several hours later, Francesc Bastida parked an old hearse inside a garage in Castelldefels. He is uncomfortable with the suit and the tie, but the shoes are killing him since he left the harbour of Barcelona. He closed the door of the garage from the inside, loosened his tie and threw the jacket on some old pneumatics. He opened the back door of the hearse and knocks on the coffin. Francesc opened the lid and there he was, Jaume, drenched in sweat, playing dead with his hands crossed, with his tongue out, surrounded by banknotes.

20

Límite

Jaume e Francesc aínda rían un pouco cando se miraban, case non falaban de puro nerviosismo e ledicia, cando lles quedaban só 15 minutos para chegar ao seu destino, ao seu primeiro agocho, Tudela de Navarra. Non era que non confiasen nas súas posibilidades, pero é que todo saíra á perfección. Jaume conducía o volante dun SEAT 124 D Especial de cor beixe Sáhara pola pequena estrada NA-125. O ceo azul e a paisaxe magnífica e desconcertante do deserto das Bardenas Reales rodeábaos. Os dous irmáns levaban, agochado nun maleteiro cheo de froitos secos, un bo botín de billetes e, sobre todo, xoias.

O éxito do roubo era o resultado de dous meses de preparación ininterrompida. Souberan por casualidade, ao falar nun bar sobre un tema tan distante coma os apartados postais cun vello traballador da hostalaría de Barcelona, que o hotel Petrus ofrecía aos seus clientes un servizo que non tiñan outros hoteis da cidade: caixas de seguridade. Sen descanso, durante horas e horas de paciente espera diante da porta de servizo do Hotel Petrus, apuntaron os horarios e quendas de cada persoa que entraba e saía por aquela porta, homes e mulleres a quen bautizaban con nomes facilmente referenciables á súa anatomía.

Todo estaba preparado, madrugaron e botaron a andar o plan, tiñan que chegar á hora do cambio de quenda. Non chamaron a atención ao presentarse na porta do hotel de cinco estrelas a bordo dun SEAT 124 Sport, de cor vermello rally, vestidos con traxes elegantes, á moda, e zapatos ben lustrados. Despois de rexistrarse nos cuartos máis caros dispoñibles solicitaron a posibilidade de gardar en caixas de seguridade certo material que dicían levar no maletín negro que portaban. En canto chegaron ao lugar onde se atopaban as caixas de seguridade sacaron as pistolas, o encargado e mais o conserxe que os acompañaba non dubidaron en colaborar.

Jaume e Francesc saíron do hotel sen présas, seguros de que o sinal de alarma tardaría en producirse. Subiron ao coche deportivo e en menos de vinte e cinco minutos estaban nun descampado preto de San Vicenç dels Horts. Alí cambiaron de roupa e de coche, meteron o botín no SEAT 124 D Especial que os agardaba, o coche con motor de dúas árbores, de 1919 cc e ópticas dianteiras rectangulares que agora mesmo aparca na calle Verjas da pequena vila de Tudela, onde os dous irmáns pasarán unha noite tranquila, sen excesos.

19

Infancia

Os irmáns Bastida xogaban na rúa cunha pelota sen aire, o sol do serán bouraba aínda nas súas cabezas de adolescentes. O coiro do balón deformábase con cada patada e a válvula movíase no seu interior. Non pasaban coches e o son seco dos golpes sobre a superficie mol da pelota conseguía darlle un ritmo estraño a aquelas horas mortas do final do día. De cando en vez un pase errado obrigaba ao receptor a facer un movemento brusco e a grava, as pequenas pedras baixo os pés renxían, dábanlle un verniz orixinal ao compás do xogo.

Con este ritmo, semellante, achegouse o pai coas mans nos petos, tentando disimular un pouco a falta de equilibrio, unha inestabilidade proporcionada pola inxestión dalgunha botella de cervexa e varias doses de licores mesturados con bebidas carbónicas azucradas. Os rapaces non interromperon a cadencia case monótona de pases que os entretiña, limitáronse a mover a cabeza e as mans para saudar o pai antes de que este se metese na casa pechando a porta tras de si. Durante uns intres seguiu sendo o xogo dos irmáns Bastida o único que se escoitaba naquela rúa dos arrabaldes da gran cidade.

Jaume, que daquela non podía imaxinar que algún día sería coñecido como Roel e tería o grao de xeneral do exército, foi o primeiro en escoitar os pratos rotos e, de xeito inmediato, os berros que chegaron dende o interior da súa casa. Jaume e Francesc miráronse como se a súa reacción ante o feito fose parte dun protocolo previamente acordado ou ensaiado. Pero non era así. De xeito tácito os dous irmáns decidiran que non debían permitir que volvese acontecer. Non podían soportalo máis. E correron cara ao interior da casa.

A porta cedeu ante o empurre dos rapaces e bateu con forza contra a parede. Os vidros caeron en anacos sobre o chan. Tamén estaba a súa nai sobre o chan da cociña, de xeonllos, diante do pai que non agardaba a reacción dos seus fillos. Bateron nel mentres a nai pedía paz, calma, algo que os oídos dos rapaces non estaban en disposición de escoitar e comprender. Detivéronse cando a mesma inercia que os levaba se detivo entre as súas mans.

A pelota quedou abandonada no pedregullo, en silencio. A válvula quizais tremía aínda no seu interior cando os irmáns Bastida saíron correndo da casa, chorando e sen rumbo cara as tripas da gran cidade.

 

18

Tocada polo lume

Núria está sentada á mesa, nunha caixa de madeira que tempo atrás contiña botellas de licor e que agora fai a función de tallo. Os labios carnosos e vermellos de Núria permanecen lixeiramente abertos namentres come das uvas negras dun acio que pinga o zume sobre un prato branco e vello. A nai está con ela na barraca, quentando o café do almorzo nuns fogóns vellos, nuns fogóns que xa deixaron a súa pegada negra e sucia sobre a parede da barraca. E hai herbas que crecen ao carón da porta da barraca e que ameazan con entrar, como se estivesen a pedir permiso.

Núria sente, tamén, que aumenta sen control o número, o tamaño da súa colección de odios, como se de súpeto crecese nela a capacidade de sinalar, de poder comprender o carácter hostil de certos elementos que a provocan, que a odian tamén á súa maneira, de xeito recíproco. Núria comproba que esperta a unha nova vida que lle di o que ten que facer. Foi difícil chegar até ese estado de consciencia, pero non sabe se poderá tomar as medidas lóxicas, coherentes e axeitadas para o seu novo estado de ánimo.

Non ten moitas ideas sobre o seu futuro, sobre os pasos concretos que faciliten os novos obxectivos da súa vida. O que é seguro é que está perfectamente adestrada, que non quere seguir agardando alí sentada na barraca. Necesita un cambio, un cambio de actitude que conleve quizais un cambio na súa propia personalidade. Agora, namentres Núria come as uvas, é capaz de mirarse a ela mesma e sentir que cambiará, deixa o acio con catro uvas amarradas e érguese sen limpar os labios vermellos e carnosos.

Núria diríxese ao único cuarto da barraca, que comparte cos seus pais, e recolle o libro de poemas. Colle unha bolsa, énchea de roupa, mete tamén a pistola que ten agochada no peto dun abrigo vello dende hai un par de semanas e sae da casa sen darlle un bico á súa nai, cun breve adeus dende o punto onde nacen as herbas ao pé da porta, case sen despedirse, como aparentando que estará de volta axiña. E non é así. Núria sabe que tardará en volver ás barracas, Núria sabe incluso que é probable que nunca máis volva ás barracas.

Núria vai na procura de todos e cada un dos membros do Aparatus.

 

17

Katerina saíu da terminal do aeroporto de El Prat ás présas, esquivando á xente como se chegase tarde a algures. Colleu un taxi e pasou primeiro polo hotel no centro de Barcelona. Estivo máis que tentada a ir directamente ao Hospital de la Santa Creu i Sant Pau pero a última hora, cando o coche penetraba na cidade, decidiu ser paciente, aínda eran as 10 e media da mañá, tiña todo o día por diante. Katerina deuse unha ducha, comeu algo na mesma cafetaría do hotel e marchou ao Hospital onde tiña pensado visitar a Francesc Bastida.

Alí empezou, sen ela ter sospeitado nada, o meirande e máis tétrico pesadelo da súa vida. Cando lle foi comunicado que era imposible visitar o paciente 500-A, que non estaba alí, pensou durante uns segundos que era un problema de competencia lingüística, que perdera toda a competencia en catalán. As súas preguntas, a súa insistencia, a historia da súa viaxe dende Varsovia, obrigaron en certa forma á enfermeira que a atendía, a conducila ao despacho da doutora Rivelles. Foi ela quen lle falou da desaparición de Francesc Bastida, quen lle aconsellou que fose á comisaría.

Na comisaría do carrer Noguer entrou coa mesma inercia ca no hospital, pensando que alí atoparía respostas. Pero tampouco foi así. Ao saír da comisaría onde falou co axente Pere Rios, un idiota que lía nas páxinas dun xornal de formato berlinés e que semellaba non querer axudar en nada, e perante a situación de tristura e impotencia que sentía, decidiu volver ao hotel, descansar e localizar a Roel, quizais á mañá seguinte.

Cando Katerina abriu a porta da peza do hotel, atopou no chan unha nota, unha mensaxe cifrada que alguén botara por baixo da porta:

N11r38U0r38110113Mr3V071Cr3X30

Odiaba aquel xogo cabalístico de Roel. Lembrou os días do pasado. Adoitaba facer aquilo con todo o que escribía: 4N1X40V10V3F4CNUr4M07U0V, “vou tomar un café, volvo axiña”. Aquela mensaxe, fóra a criptografía, era diáfana: Roel marchaba ao oeste. E só había un oeste naquel contexto: Galicia.

16

Aqueles rapaces fermosos

O sol comezaba a deitar os seus raios sobre o mar Mediterráneo, o sol iluminaba de xeito tímido aínda os edificios de Barcelona, cando Roel chamou educadamente na porta do piso franco da rúa Mallorca, sen botar a porta abaixo como pensaba facer ao volante do Alfa Romeo co que acababa de matar aos asasinos de seu irmán. Cando Marta escoitou o bater da man de Roel sobre a táboa da porta do piso, eses tres golpes, ese estrondo que a fixo tremer de arriba abaixo, ela acababa de pousar a agulla sobre o disco e a melodía puido ser sentida polo home que agardaba na escaleira.

tocadiscosEra evidente que a melodía xa delatara a súa presenza no interior do piso, así que Marta desbotou a opción de facela calar e camiñou a modo, descalza, até a porta e observou pola pequena mira. Roel presentiu, imaxinou a Marta ao outro lado. Toda a violencia que traía no coche, a axitación, os propósitos de expedición e velocidade deron paso á unha argumentación baseada na súa deserción, nos intres agradables do pasado e na necesidade de permanecer xuntos e fuxir o antes posible da cidade.

Dentro do piso Marta, sorprendida de atopar alí a presenza fermosa de Roel, escoitaba coa orella pegada á madeira, cunhas ganas inmensas de crer no discurso que aquel traidor lle ofrecía. Non había xeito de demostrar a veracidade das súas palabras. Pero o certo é que nada lle impedía, se realmente seguía formando parte do exército, derrubar a porta e entrar alí para detela. Pero cando as derradeiras notas da música se derretían no ambiente tenso do piso franco, Marta escoitou un argumento máis da boca de Roel, Francesc está morto.

Cando o silencio era palpable nas escaleiras e no piso franco da rúa Mallorca, Marta volveu mirar a través da porta. Alí, agardando na escaleira, cos ollos enchoupados en ira e tenrura, Roel era tan fermoso e diferente coma o seu irmán. Tamén ela deixou que os bos momentos do pasado fixesen acto de presenza. Marta colleu o pomo e a fechadura cunha fe descoñecida, empurrada polo feito de que non tiña outra saída real, e abriu a porta, a lámina de madeira que a separaba dun home que xa os traizoara unha vez.

Marta fora prudente, non botaron moito limpando o piso. Marta colleu as cousas e saíron camiño do Segriá.

15

Fuxida. Primeira parte

Roel detívose diante dun coche en concreto, non era unha escolla ao chou. O ruído dun camión do lixo rompeu o silencio da noite nalgunha das rúas paralelas. Roel asegurouse de que non o vía ninguén, arrimouse á porta dianteira e meteu polo espazo entre o vidro e a goma unha lámina estreita e ríxida, de metal, que levaba agochada baixo a zamarra. Apertou cara abaixo con forza e o vello sistema de apertura cedeu, levantouse o pasador, a porta estaba aberta. Roel sentou e tentou mover o volante, rompeu o sistema de bloqueo e manipulou para arrincar o motor.

Roel acelerou, pisou embrague, cambio, primeira, acelerador, embrague, cambio, segunda, acelerador, embrague, cambio, terceira, acelerador, embrague e abandonou con velocidade, en cuarta, o Eixample. Dirixiuse á comisaría do carrer Noguer. Detivo o coche sen aparcalo a uns trinta metros da porta, limitouse a agardar dentro do Alfa Romeo vermello, agarrábase coas dúas mans ao volante, con forza, como se o volante fose unha áncora que o mantiña en tensión, alerta, até que chegase o intre axeitado. Era madrugada e case non había tráfico. Tampouco lle importaba moito se había testemuñas ou non.

Despois de liberar a súa ira pasaría polo carrer Mallorca, onde Marta escoitaba música, soñaba con illas gregas e unha fuxida inmediata, no piso franco que non se decidía a abandonar. Sería unha sorpresa, non había tempo para chamadas de cortesía, falar do tempo que había que non se vían e moito menos para negociar ou falar sobre o modo axeitado para saír da cidade. Roel sabía que entraría no piso, recollería á moza e marcharían de Barcelona, sen descanso, cara ao Segriá, na procura de quen se facía chamar Mireia Mainer.

O primeiro que recoñeceu na escuridade foron os uniformes verdes, despois as persoas. Os axentes Camps e Badié saían da comisaría. Foi o intre en que o volante recuperou a súa función no mecanismo do vehículo. Camps e Badié cruzaban a rúa e conversaban, escoitaron o ruído súpeto dun motor que se lles viña enriba. Pero non tiveron tempo de reaccionar. O coche golpeou as pernas de Badié e o seu torso cedeu, inclinouse con forza e a cabeza bateu mortalmente contra o capó. O coche pasou por riba de Camps producíndolle excoriacións, equimose, esfoladuras, desprendemento de partes brandas. Tamén morreu, Roel imaxinouno, non tiña tempo de pararse a comprobar o resultado da súa ira.

 

14

O Aparato

Mireia Mainer, así é coñecida polos membros do Aparato agás Jaume Bastida que sabe o seu verdadeiro nome, tamén está inmersa no proceso de dixerir as circunstancias inevitables da súa vida. Sabe que podería vivir durante un tempo considerable naquela vila do Segrià, baixo o nome de Mirelha Arnal e a escusa dun traballo a distancia. Está afeita a moverse, a sobrevivir, a soidade non é unha situación que lamente en exceso. Por iso preferiu non aceptar a posibilidade de agocharse no piso franco da rúa Mallorca e marchou de Barcelona sen a compaña de Marta.

Mireia accedeu á proposta de formar parte do Aparato polo seu propio interese e non grazas ás capacidades de Francesc Bastida para disimular, cun verniz de moral e ideoloxía, as actividades delitivas do grupo. Daquela o Aparato era un grupo non moi numeroso, como moito seis persoas, que se organizaba para cometer roubos especializados. Unha importante cantidade deses asaltos profesionais, case a metade, eran por encargo. Os recursos de Mireia, a súa especialidade, a razón pola que o Aparato necesitaba unha persoa coma ela, eran os seus coñecementos de arte románica e gótica.

Mireia Mainer foi educada dende nena entre monxas, no fervor relixioso do mosteiro de Ferreira de Pantón, e ao rematar o bacharelato foi enviada a Roma para continuar os seus estudos de arte sacro. A súa inclinación non naceu baixo o amparo do mosteiro, rodeada de hábitos, pregarias e rosarios. O lume de Mireia acendeuse coa experiencia reveladora da contemplación do arco de San Xoán de Panxón, vocación que a levou a especializarse en arte otoniano e nas relacións entre o Imperio Bizantino e o Reino Suevo.

retícula ilustrada

E agora estaba, anos despois, lonxe de Galicia, lonxe de Roma, nunha casa que forma parte da perfecta retícula urbana deseñada no seu día por un arquitecto ilustrado.