32

A very special one

Francesc looked out the window every bit until, in one of these occasions, was he stretched his neck to look towards the start of the street, he saw a Seat 124 appearing. He forced his eyes to find that it was registered under Jaume. Sitting in front of him and giving the first sip to the red vermouth, Marta said: They are already here. And she turned her body to the left obstructing the view of the car. If she had turned the opposite way, to the right, the 124 would have been seen moving away in search of parking.

Marta was very impatient to meet a woman such as Mireia Mainer, who came with Jaume; she wanted things around her to follow a different inertia, something that allowed her to leave the leisure routine and get to work, get something ready, and finally put her thoughts of something else other than Francesc and wasting spare time. Logic told him that Mireia had not come to pass the time and such a little chat on the phone with Jaume indicated that the arrival of the couple would very well change Marta’s expectations.

Jaume had mixed feelings, he did not like the idea DEQ I exposed, trying to drive and calm down the nerves he felt at closing the car door; he did not want his colleagues to see the extent up to what he was in love with that woman. Before Francesc and Marta could see the gesture through the glass of the café, Jaume caressed Mireia, and called her by her fake name again, trying to get used to its weird sound in public, Trahamunda.

On the contrary, Mireia, Trahamunda Soutullo, full of arrogance and immodesty, clashed with the intelligence and love of the affectionate praises of Jaume. Mireia felt completely safe, firm, convinced of her moral and intellectual superiority, knowing that was what mattered most in the end. And she was sure that the other two people holding that informal meeting were aware of it ­– even though at that precise moment they still did not know enough – that she would be a very special piece in their group, a very special one indeed.

 

31

Cos ollos húmidos

Para calquera persoa que os observase podería parecer que aqueles dous coches que cruzaban a fronteira a unha velocidade considerable ían o un detrás do outro de xeito casual. Pero os axentes Cabanillas e Pujol, dentro do Renault 4TL branco abeirado a catro quilómetros da fronteira, sabían que os dous condutores daqueles vehículos, un home e unha muller, coñecéranse e pasaran varios días xuntos na localidade próxima de Saint Bertrand de Comminges. Os policías agardaban agora a que pasasen por diante da súa posición, de volta á casa. Eles dous tamén volverían, durante unha noite cando menos, á tranquilidade dos seus fogares, a durmir nas súas camas.

Cando o SEAT 124 e mais o SEAT 128 pasan un detrás do outro diante do cruce onde se atopan os dous policías de incógnito, o axente Cabanillas ponse en tensión, acende o motor e incorpórase á estrada. Non necesitan seguilos con intensidade, non necesitan ter os vehículos dos delincuentes no seu campo visual. Intúen con acerto que o seu destino é Barcelona, unirse a Francesc e a Marta para comezar unha nova xeira de atracos, quizais máis depurados e lonxe das sucursais bancarias, quizais en vilas afastadas da península onde poder subtraer arte sacro do interior de pequenas igrexas que ninguén vixía.

Ao axente Cabanillas gústalle conducir, gústanlle os motores, os coches, está a gozar da pilotaxe do motor de 852 centímetros cúbicos. Seu pai tiña un de dúas portas que empregaba para transportar material, artefactos, redes e recambios mariños, ao porto de Barcelona onde o necesitaban con urxencia a meirande parte dos seus clientes. Aquel era e é un dos coches máis baratos do mercado. Pero este modelo é diferente, novo, tipo berlina, con cinco portas e ten un motor novo, catro marchas e uns asentos dianteiros moito máis confortables.

E así entraron os dous axentes en Barcelona, pola avenida Diagonal, á máxima velocidade, non moita, que permitía a potencia do vehículo. E cando Cabanillas deixou a Pujol na súa casa, cando o compañeiro pechou a porta, decatouse de que o cadro de mandos tamén era diferente ao do seu pai. Foi ao botar o ollo ao lugar onde o pai tiña unha imaxe de San Cristovo. Cabanillas púxose tristeiro ao lembrar aquel detalle persoal. E decidiu non ir a casa, aparcou o coche e entrou no primeiro bar que atopou coas portas abertas. E bebeu whisky, cos ollos húmidos.

30

Como quen manda unha carta

Francesc sentiu que a distancia se fixera moi longa, esa non disposición de Marta para todo e que el non entendía. Francesc estaba relativamente incapacitado para ver a raíz dos problemas ao seu redor, especialmente aqueles que provocaba a súa propia actitude, a súa forma de ser. A súa intelixencia emocional era realmente limitada. El culpaba directamente aos outros, quizais sabía que era parte da situación pero non tiña a capacidade crítica de reparar nos detalles concretos da súa personalidade que provocaban determinadas impresións negativas nas persoas coas que convivía.

Marta, pola súa banda, era plenamente consciente da situación en que se atopaba a relación, de como se queimara todo en cuestión dunhas poucas semanas. Marta soubo de que perdera completamente o interese ante a visión, ante a convivencia coa persoa real que se agochaba tras a primeira imaxe que proxectaba Francesc. Ela foi quen tomou a decisión de deixarse caer na inercia da desidia, deixar que todo o que existía entre eles dous morrese pouco a pouco, como quen manda unha carta a un país lonxincuo sen sequera agardar resposta.

Un día foi gardar uns calcetíns do mozo que acabaran por error entre as súas cousas. Grazas a unha acción tan prosaica como devolver roupa ao seu lugar, atopou no desordeado caixón da roupa de Francesc aquela pedra da praia de Ixos, aquela pedra que lle chamara a atención e que ela recollera de entre as areas. E lembrou aquel ton que o mozo empregara para pedirlle a pedra, foi quen de revivir por enteiro aquela sensación aceda que lle subiu aos ollos. Marta sentiuse traizoada e ferida nun lugar que non coñecía, ou mellor dito, un lugar onde non pensaba que Francesc puidese ter chegado.

Días máis tarde, cando Francesc abriu o caixón e, tamén por casualidade, reparou en que a pedra non se atopaba onde debía estar, entre as cousas que eran da súa propiedade, soubo que todo rematara, e sóuboo como quen recibe unha carta que confirma as novas que hai tempo chegaron por outros medios. Ao principio sentiuse enganado, profundamente anoxado e violentado. Pero aos poucos segundos recapacitou. Coas mans apoiadas no moble e a cabeza abaixada, foi a primeira vez na súa vida en que, inmerso aínda na situación amarga dunha dor, sinalou a súa persoa como culpable. E simplemente deixou de durmir no cuarto de Marta.

29

Os planos de Mireia

Trahamunda estaba a ducharse, relaxándose, ignorante de que ao outro lado da porta, sobre a mesma cama en que pasaran toda a noite a posuírse, Jaume Bastida abría o seu bolso e comezaba un rexistro rápido na procura de información, empezando pola data do seu nacemento. A sorpresa chegou para o home dende o inicio do análise, ao atopar un nome diferente no documento de identidade: Trahamunda Soutullo. E foi ao cismar nese nome que non escoitara nunca, Trahamunda, no impacto que lle produciu a mentira, que non se decatou de que a muller, a tal Mireia, saía da ducha e o sorprendía co bolso aberto entre as pernas.

Ela sentiuse, tamén, sorprendida e, mentres miraba o vaso de auga baleiro sobre a mesiña de noite, decidiu asumir a situación con naturalidade. É un nome galego, é a patroa da morriña. Porque me dixeches que te chamabas Mireia? Non sei, supoño que teño unha crise de identidade. Non me importa, pero como queres que te chame? Mireia, chámame Mireia. Mireia empezou a vestirse e, aínda que soubo que aquilo xa estaba superado, por primeira vez foille difícil establecer contacto visual con Jaume, como se aquela situación estivese planeada para acontecer moito máis adiante, noutra ocasión en que houbese máis confianza. A moza sentíase moito máis ferida ca Jaume que, en silencio, colocou as cousas de volta no interior do bolso e accedeu ao cuarto de baño para ducharse.

Mentres tomaban cadanseu café, cadanseu croissant perfecto, coas capas de milfollas a recender a manteiga de calidade, Jaume preguntoulle á moza que faría, onde iría, cales eran os seus planos. E Mireia atopou na pregunta un xeito de devolverlle a confianza ao amante. Penso gañarme ben a vida co que me gusta, a arte sacra. Restauradora, comisaria de exposicións? Non, roubarei obras por encargo e vendereinas. O movemento causou o efecto axeitado, a Jaume pasoulle un brillo polos ollos e durante uns segundos pensou na casualidade, nas baixas probabilidades que había de que dous ladróns vocacionais se atopasen nunha vila como aquela.

Jaume escoitou con atención, facéndolle preguntas moi concretas, co ánimo de quen está a descubrir algo novo e marabilloso que sempre estivera diante dos seus fociños pero ao que non prestara atención, demostrando un interese que por uns momentos Mireia pensaba finxido. Ela non sabía até que punto estaba a falar coa persoa indicada.

28

Algo novo

Trahamunda Soutullo aparcou o seu Seat 128 case ao carón dun Seat 124 con matrícula catalá, moi preto das termas romanas. Levantou o queixo para mirar a vila medieval pendurada da montaña. Había anos que a moza visitara por vez primeira Saint Bertrand de Comminges, a catedral de Santa María. Cinco anos atrás, antes de empezar os estudos en Roma foi coa madre superiora do convento onde se criara, unha sorte de agasallo antes de deixar o niño en Ferreira de Pantón, unha lembranza de onde viña, un impulso para seguir o camiño que encetara observando con devoción o arco de San Xoán de Panxón.

Trahamunda tivo que sacar os zapatos de tacón para subir, fíxoo descalza, sobre a herba a rentes do camiño que transcorría ao carón das ruínas do teatro romano. Atopou a Jaume Bastida ao entrar na pousada diante da catedral, tomaría un café antes de acceder ao templo e viuno nunha mesa, solitario e con cara de ter espertado hai pouco dunha sesta longa de máis. Miráronse durante uns intres e ela sentou noutra mesa despois de pedir o café, pero diante da vista do mozo. Cando deu o primeiro grolo el mirábaa. Saudouna cun aceno e ela respondeu co mesmo.

Salut! Salut! C’est un bel soir. Oui. Tu viens visiter la cathédral? Oui, et toi? Moi aussi. Ça fait combien que tu étais ici? Ça fait cinq ans, tu sais comment que j’y suis déjà étée? C’est evident que tu n’est pas d’ici et tu es toute seule. Tu es seul aussi, ou pas? Oui, mais je pourrais être du pays. No, parles malament francès, sembles català i, a més, em sembla que tens un Seat 124 aparcat a baix, al cantó de les termes. Que observadora, em dic Francesc Bastida, i tu? Em diuen Mireia, Mireia Mainer, anem a la catedral? Som-hi.

Entraron na catedral xuntos, á vista da Epifanía e bicáronse diante dos restos sagrados de San Bertrán. Ela faloulle das diferentes fases da construción, a fase románica cos dous inmensos piares que se erguen no nártex, as sesenta e seis cadeiras labradas do fastuoso coro e o exvoto máis curioso visto endexamais: un tremendo crocodilo disecado que descansa, boca abaixo na superficie dunha columna. E antes de entrar na pousada, ela ensinoulle outro recuncho da vila, o lugar onde Guntrán matou a Gundoaldo.

 

27

Outrora había contos

O 124 de Jaume cruzara a pequeniña vila de Vielha durante a madrugada e a piques estivo de coller o desvío á dereita para pasar a noite en Salardú, para visitar a un amigo que traballaba de camareiro na estación de esquí. Pero necesitaba estar só, despois da viaxe polo Dodecaneso estaba esgotado mentalmente, sen gana de pensar en nada, só deixarse levar. Cando os tres membros do Aparatus baixaron do taxi que os traía do aeroporto, Francesc e Marta subiron ao piso e Jaume, sen renovar o contido da maleta, despediuse e foi buscar o coche, para deixarse levar.

E comezou a conducir en dirección oeste, cara a Lleida e parou en Almacelles a tomar un café sen saber que no futuro pararía alí en varias ocasións, naquela retícula deseñada por un arquitecto ilustrado. Pero foi ao chegar a unha intersección, reiniciada a viaxe, onde se lle ofrecía seguir en dirección até Huesca ou coller cara ao norte, cara a fronteira, que se lle ocorreu achegarse a un lugar ao que tampouco pensara nunca que iría. Foi por iso, grazas a unha feliz lembranza, grazas a un libro de arte románica que lera na infancia, que cruzou a fronteira e chegou a Saint Bertrand de Comminges.

A silueta da catedral de Santa María, a sé da antiga diocese de Comminges, erguíase no medio da pequena montaña, marabillosa para os ollos de calquera persoa que leve no interior a semente da idea de que calquera tempo pasado foi mellor. Deixou o coche abaixo, aparcado ao carón das termas romanas, e comezou a camiñar amodiño pola enfesta costa. As ruínas do teatro romano eran evidentes, tamén, á súa esquerda. Parouse a comprobar durante uns intres que algúns construíran as súas casas no espazo que, sen dúbida noutrora, ocupara a escena.

O primeiro que fixo, xa coa luz da mañá sobre as pedras da vila medieval, foi facerlle unha visita ao tímpano que vira naquel libro do pasado, a adoración dos Reises Magos. O seguinte foi dar a volta sobre os seus pasos, baixar as escaleiras e entrar na única pousada do lugar para almorzar un ovo, pan e café negro. Jaume abriu a casca, e antes de botar uns grans de sal no seu interior tivo un estraño impulso por meterse alí dentro e pecharse, que ninguén o atopase endexamais. Pero o arrecendo do interior tróuxoo de volta á realidade.

26

O principio da distancia

Non ver. Iso era o que desexaba con intensidade o Jaume, doíalle profundamente ver que era seu irmán quen ocupaba ese lugar quente ao carón de Marta e que tanto desexaba para el. Sentados no chan dos peiraos de Rodas, como tres adolescentes aos que non lles importa nada a opinión allea, bebían das latas de cervexa Vergina que o propio Jaume portaba nunha neveira laranxa portátil. Francesc e Marta levaban todo o ritmo da conversa mentres que Jaume se limitaba a observar con relativo interese a pegada húmida que deixaba a súa lata sobre o cemento do peirao.

Desaparecer. Iso foi o que fixo Jaume cando Marta suxeriu ir dar un paseo pola praia de Ixos. Deixaran a neveira baleira no apartamento da praza Hipócrates e saíron para comer nun restaurante. Pero atoparon un posto ambulante onde vendían queixo e koulouri. Mercaron abondo para tres e cando Jaume partiu o pan cirucular e meteu o primeiro anaco na boca, cando sentiu a forza das sementes de sésamo na pituitaria, foi o intre en que escoitou a suxestión de Marta a penetrar os seus oídos. Dende aquela data o sabor do sésamo recórdalle á amargura que sentiu en Rodas aquela tarde de primavera.

Fíxose invisible, Jaume, dende aquel intre en que Francesc aceptara a oferta de paseo en Ixos. Escusouse nunha fonda sensación de canseira e esgotamento, non era mentira, quizais debería engadir, para ser sincero, desacougo, tristura e decepción. Francesc e Marta deixárono marchar, quero dicir que eles desexaban estar un tempo sós, de xeito físico. Era evidente que o espírito de Jaume estaba noutra parte pero nin sequera o irmán sospeitaba que o mozo que marchaba de volta ao apartamento coa metade do pan circular agarrado na man dereita estivese a sentir por Marta cousas semellantes ás que el sentía.

Os dous namorados tiveron tempo para profundar no contacto físico. Jaume non existía para eles, por exemplo, naquel momento en que Marta levantou da area unha pedra completamente azul. Ensinoulla a Francesc coa tenrura do namoramento, dese ánimo absurdo de ver unha mensaxe agochada en cada feito. E foi cando Francesc cruzou por primeira vez o lindeiro do permitido para unha muller como Marta. Estendeu a man e díxolle dáme a pedra esa. Marta mirouno aos ollos, soubo que aquilo tiña data de caducidade. E con ese ímpeto seguro meteu a pedra no seu pantalón curto branco.

25

Programación

Jaume e Francesc Bastida quedaron no de Marta, un piso que tiña unha distribución bastante curiosa das estanzas, e alí seguiron bebendo quintos de cervexa, coñecéndose. Os irmáns compartían unha cama grande, no outro cuarto da casa, ao que se accedía dende o salón mediante unha porta oposta, fronte por fronte, á que daba acceso ao cuarto de Marta. Os sentimentos e inercias que se iniciaron naquela primeira asemblea comezaron a callar e Jaume, pouco a pouco, sentiuse fóra daquela relación que Marta e Francesc forxaban cos seus risos e anécdotas. Até que Jaume decidiu instalarse no sofá do salón, agardando a que se decidisen a compartir o leito.

Un día, unha mañá de maio, Jaume colleu, sen chegar a ningún acordo ou avinza coa súa propietaria, o vello tocadiscos do moble sobre o que descansaba, escarallado e sen futuro.   Estaba só no piso, Marta e Francesc marcharan a mercar, ou cando menos iso dixeran que ían facer. Era certo que case non quedaba comida na cociña e, sobre todo, non quedaban cervexas na neveira. O mozo, intelixente e con maña para a técnica e a electrónica, axiña localizou a razón da enfermidade do aparello e arranxouno sen necesidade de mercar reposto ou ferramenta, algo que despois abraiaría á moza e, sen dúbida, a razón pola que el se animara a buscarlle solución ao instrumento.

tocadiscos

A música de Fran Zappa soaba no piso cando Marta e Francesc entraron no piso cunha significativa e solitaria caixa de cervexa que indicaba que fixeran algo máis ca mercar naquelas tres horas que permaneceron fóra do piso. Foi entón cando Jaume explicou a tarefa de posta a punto do tocadiscos. Sentaron os tres, por enésima vez ao redor da mesa e comezaron a falar dos seus asuntos. O caso é que non chegaban a concretar ningunha das ideas que se lles ocorrían. Semellaba que quizais era falso aquel presentimento que os levara a pensa que xuntos terían moitas posibilidade de incrementar os seus golpes e a recadación.

O único feito pragmático e sobresaliente do día foi a decisión de colleren unhas vacacións, marchar xuntos a Grecia para fuxir daquela presión. Isto, a nova vida do tocadiscos e a decisión de Marta de abrir a porta do cuarto onde durmía Francesc, algo que aproveitou Jaume para meterse á súa vez na cama de Marta e poder descansar un pouco máis lonxe dos ronquidos do seu irmán.

 

24

Un tocadiscos, unha mesa e tres cervexas

Sentados os tres no salón da casa de Marta, cada un cunha pequena botella de cervexa na man, separados por unha distancia que era a tradución do intre tenso e ilóxico que estaban a vivir. Os irmáns nos dous extremos do sofá e Marta ao outro lado da mesa, nunha grande cadeira de brazos. Coñecíanse polos papeis, indirectamente, polas novas mediante as que os xornais espallaban os seus atracos. Agora estaban a expoñer razóns, proveitos e prexuízos, sobre aquela mesa de vidro que os separaba. O certo é que gañaban moitísimo máis traballando xuntos que por separado.

O silencio inicial non se rompeu cando Marta Fernández abriu a porta do frigorífico e ofreceu as cervexas, os irmáns Bastida estaban en garda porque non sabían como reaccionaría aquela muller ante aquela situación que a collera por sorpresa: a presenza das rodas enriba da mesa da cociña. Cando se dirixiron ao salón sentaron e Jaume sinalou un tocadiscos sobre o único moble daquela estanza. Marta respondeulle que estaba escarallado, que non funcionaba, que era tan só un aparato. E foi así, grazas a esa palabra descritiva de Marta que decidiron bautizar ao grupo con ese nome, Aparatus.

Daquela, cando chegou esa feliz idea, os tres mozos xa estaban a piques de acabar todas as cervexas que Marta gardaba na neveira e baixaran case definitivamente a garda. Foi naquel intre, quizais, cando Francesc, Jaume e Marta sentiron, por primeira vez e sen eles fosen conscientes, de que algo máis aló do profesional nacía entre eles. Os dous irmáns sentíronse atraídos pola muller e a Marta comezou a facerlle graza o xeito que tiña Francesc para contar anécdotas da infancia, como se fose outra persoa da que estaba a falar, resultoulle atractiva esa certa despreocupación por quedar ben.

Jaume era máis tímido, procuraba non falar moito e agochábase detrás dunha botella que levaba aos beizos cada vez que a presenza dun silencio breve se achegaba, un xeito ridículo, pero que a el lle semellaba efectivo, de fuxir da obriga de aportar algo á conversa. Era evidente que tanto a Francesc como a Marta non lles preocupaba esa situación odiada por Jaume. Falaban, rían e parecía que era unha conversa entre esas tres persoas. Pero non era así. Aquilo era o principio dunha situación que nos primeiros compases foi idílica e moi pouco a pouco se complicou.

22

Adiantamento

Había dúas normas básicas que non se debían romper baixo ningún concepto. O espírito da primeira era termar do impulso da gula, do exceso. O roubo debe cinguirse a un tempo, un lóstrego en que dea opción a coller o obxectivo acordado. E nada máis. Por moi cerca que estivese aquel colar de perlas na xoiería que atracaran en Madrid, ningún dos dous irmáns desprazou o seu corpo para collelo. Porque non estaba dentro do plan, porque contaban con 2 minutos e dez segundos antes de que os sistemas de alarma do establecemento se activasen e Francesc sabía que se movía o corpo uns metros para coller aquelas perlas xa non poderían escapar con facilidade.

A segunda norma estaba pensada para dominar o pavor, o medo e era repetida tamén durante os intres que precedían a calquera roubo. Malia que o seu enunciado puidese parecer contraditorio, os irmáns Bastida eran conscientes de que o feito de portar armas facíaos perigosos para eles mesmos. Estaban decididos a non empregalas, a non disparar endexamais contra ninguén, baixo ningún concepto, nin sequera ante a ameaza dunha segura detención. O asasinato convertíaos en criminais perigosos, de primeira fila, e esa publicidade non lles viña nada ben. Na medida do posible tiñan que seguir sendo anecdóticos.

E era isto o que estaban a falar con voz baixa e xesto grave aquela mañá fría de xaneiro, mentres se puñan as luvas dentro do seu 124, diante dunha pastelaría, a 15 metros dunha oficina bancaria. Estaban a falar concretamente do arriscado que era levar nas mans os 560 gramos que pesaban aquelas dúas vellísimas Astra 300 cando o furgón blindado aparcaba a uns metros da súa posición. Ese era o intre en que toda a operación debía comezar, o intre concretísimo en que as rodas do furgón se detivesen por completo sobre o asfalto.

E foi entón, cando Jaume xiraba coa man esquerda a chave para poñer o motor en marcha, cando os marabillosos freos de disco doutro SEAT 124 se accionaban ao seu carón. Os dous irmáns quedaron con cara de parvos contemplando como unha soa persoa, por moito que fose tapada cun abrigo grande era evidente que se trataba dunha muller, cometía nuns segundos o golpe que eles tiñan programado. E foi así, sen preguntarse sequera cantas probabilidades había de que se dese aquela casualidade, de que todo iso estivese a acontecer, como coñeceron a Marta Fernández.