Category: Galego
40
O primeiro grolo de vodka
Francesc chegou primeiro. Pediu unha caña e fregou as mans contra os pantalóns vaqueiros ao tempo que examinaba de novo o espazo, non fose a ser que se lle pasase a presenza dela. Recoñeceuna ao mirar á porta, polo xeito de vestir, cando se deu a volta un pouco para pechar sen facer ruído. Resultoulle curioso, cando ela foi minutos máis tarde ao baño e o mozo tivo tempo de reflexionar, tela recoñecido por ese feito, a roupa, e non por trazos físicos do rostro ou do seu corpo. O caso é que ela entrou e axiña o recoñeceu tamén a el, non había moita xente no bar e de feito era a única persoa sen compaña.
Foi Katerina quen se puxo en contacto con Francesc, semanas atrás, mediante un amigo común que a moza polaca coñecera durante unha visita académica a Berlín. Podería parecer casualidade, pero non é así, a xente acode a determinados locais en función dos seus gustos, das súas intencións e das súas posibilidades, nada disto forma parte das características da casualidade. Quero dicir que tanto Katerina coma o amigo de Francesc acudiron a aquel lugar de Berlín en que se coñeceron porque andaban a procurar a alguén así.
Porque o asunto foi que Francesc comezaba a ter contactos cunha xente que estaba interesada en adquirir un tipo de armamento moi concreto. A primeira vez que estivo presente nunha conversa sobre o tema nin sequera se lle pasou pola cabeza a posibilidade, el foi, simplemente, testemuña dun diálogo. Pero cando chegou a casa e lle contou a Jaume o que fixera aquela tarde, Francesc escoitouse a si mesmo e pensou que, quizais, era unha vía de negocio que era necesario, cando menos, estudar. Non sería tan difícil atopar un contacto no estranxeiro, facer algunhas preguntas e avaliar se os beneficios compensaban.
E por iso estaba alí Katerina, para darlle información que traía na súa cabeciña, datos, basicamente números concernentes a munición, calibres, caixas e algúns cálculos feitos por ela mesma durante a aburrida longa viaxe vía Londres, cálculos que tentaban achegar conclusións evidentes para Francesc, para que se animase a entrar no xogo. Era o medio que tiña ela, tamén, de sacar tallada de todo aquilo. E díxollo ao mozo, así, clariño, a súa tarifa como intermediaria, antes de que o camareiro pousara na barra o primeiro disparo de vodka.
39
Execución
Marta presentouse no salón e pechou a porta cun golpe, mostrou o autoadhesivo negro e vermello de Albert coma se fose unha bandeira branca entre os seus compañeiros. Mireia, Francesc e Jaume ergueron os ollos para mirar o pequeno anaco de papel que a man da moza izaba diante deles. A idea de Marta era a seguinte. Non era necesario matalo. O máis probable é que o rapaz xa estivese fichado pola policía, no arquivo ese de rojos, vagos e bandidos seguro que tiñan unha ficha del e duns cantos amigos.
O refén non os vira apenas, aínda tiña os ollos vendados, non sabía onde estaba, non podía ofrecer dato ningún verificable á policía, polo que o seu testemuño, no caso de que quixera intercambiar a súa vida por información relativa a eles, carecería de credibilidade. Ademais, para o estado era moito máis rendible ofrecerlle á sociedade, naquel contexto en que se atopaban, a detención e procesamento dun axitador político que as pistas e a persecución de catro ladróns de igrexas e bancos. Así que o tema, o único problema, era chamar a atención da policía, que fosen eles, dalgún xeito os que atrapasen a Albert. Aínda era madrugada, tiñan tempo para actuar antes de que houbese moitos máis ollos nas rúas de Barcelona.
A solución outorgouna Mireia despois de pensar ben as palabras e non arriscar a súa posición, ofreceuse voluntaria para entregarllo á policía. Ela sabía onde atopar ao axente Cabanillas, ela sabía que aquel piso franco xa estaba vixiado e, efectivamente, calquera información que puidese dar Albert sería irrelevante para a policía. Dixo que o deixasen ao seu cargo, que confiasen nela. O resto do grupo, cansado despois dunha noite atarefada, sentiu tanto alivio que non quixo facer moitas preguntas, limitáronse a seguir as instrucións de Mireia e meteron a Albert no maleteiro do 124.
O certo é que o Aparatus comprobou a efectividade da acción de Mireia semanas despois. Jaume achegouse á barra dun bar para almorzar e colleu un xornal mentres o camareiro se dispuña na tarefa de servirlle o café e as torradas. A máquina dos zumes machacaba dúas laranxas sen compaixón e Jaume botaba o ollo ao titular sinxelo e explícito que acompañaba unha foto do home que entregaran á policía: EXECUTADO. A reacción de Jaume ante a noticia foi un encollemento de certos músculos da face e un suspiro que ningún dos dous axentes que o vixiaban de cerca, Cabanillas e Pujol, puido interpretar.
38
O autoadhesivo
Os catro mozos chegaron ao piso de alugueiro que tiñan na rúa Mallorca envoltos nun silencio que respondía máis á preocupación ca a unha sensación de cansazo. Eran as catro da madrugada e Albert colaboraba cos seus secuestradores fortuítos sen saber cal era o futuro que lle agardaba. Saíu da furgoneta en silencio, sen forcexar e sen grande aparato xestual por facer incómodo o seu traslado dende o garaxe. Hai xente que pensa que polo feito de teren a razón do seu lado nada malo poderá acontecerlles. Albert non imaxinaba nin de lonxe o negro futuro que lle agardaba nas mans daqueles delincuentes de luva branca.
Por unha banda Mireia e Francesc sostiñan con énfase dramática que cumpría matar ao refén, desfacerse del inmediatamente e do xeito máis expedito, sinxelo, sen contemplacións. Francesc non mostraba ningunha fenda na súa posición, non contemplaba outra posibilidade que non fose matar a Albert e botar o corpo en calquera lugar abandonado, moi lonxe. A opinión de Mireia era unha pose, evidentemente, o cometido principal de Mireia ante esa situación delicada era pasar desapercibida, mostrar a súa entrega ao proxecto e non dar motivo aos compañeiros para sospeitar das súas verdadeiras intencións. De feito fíxoselle rara a postura de Jaume.
Jaume consideraba que non era necesario chegar a ese extremo ou, cando menos, que era necesario ter a máxima información posible antes de levala a termo. Argumentaba que el era consciente do risco que comportaba deixar testemuñas e cabos soltos. Pero consideraba que un morto era outro cabo solto, a longo prazo, si, pero un grave cabo solto. Porque alguén atoparía o corpo e máis tarde ou cedo a policía empezaría a facer pescudas en relación ao asunto. Jaume quería interrogar ao refén que nese intre de debate escoitaba como a porta do cuarto onde se atopaba se abría e entraba Marta.
Marta entrou con decisión e berroulle a Albert que estivese quedo, que non lle ía facer nada. Palpoulle con forza nos petos dos pantalóns e sacou unha pequena carteira de coiro. Da billeteira sobresaía un papel de xeito evidente. Marta tirou del e viu a imaxe negra e vermella: era o autoadhesivo dun sindicato. Queda deitado na cama e non te movas, pártoche a cara! Marta sabía que aquilo era relevante, que podía ser moi útil á hora de tomar unha decisión, quizais non sería necesario matalo, quizais poderían facelo outros no seu lugar.
37
Casualidade
Cando Jaume e Francesc entran na pequena capela románica non pensan que está a piques de producirse outra casualidade semellante a que os levou a coñecer a Marta. Pero desta volta o acto fortuíto en que se verán envoltos provocará o final da súa relación tal e como a coñecían até o momento. Jaume e Francesc, que entran no recinto acompañados de Mireia, están concentrados no traballo que teñen por diante, pensan, probablemente no retablo, nas complicadas manobras que deberán realizar para sacar do seu lugar a obra románica sen esfolala e que a peza manteña o seu valor.
Marta agarda co motor da furgoneta en marcha, concentrada de máis no espello esquerdo, confiada, segura dentro do ventre escuro da madrugada. Facíao quizais porque tiña o cóbado apoiado entre o vidro e a porta para poder pousar o peso da cara na man. Porque se tivese mirado un par de veces polo espello retrovisor esquerdo, ou mesmo polo espello central do parabrisas, algo para o que simplemente sería preciso mover a meniña dos ollos, tería advertido a presenza medoñenta de Albert e o seu compañeiro de sindicato, ambos os dous sorprendidos pola presenza dunha furgoneta naquela paraxe inhóspita da montaña.
Albert e o seu cómplice agóchanse primeiro tras o vehículo e despois conseguen dirixirse á porta eludindo a mirada de Marta que está medio durmida ao volante do coche, co sono temperado e alimentado pola calefacción. Albert non o escoita, pero o compañeiro parécelle advertir pisadas e voces que se achegan a eles dende o interior do santuario e marcha antes de que o seu interlocutor poida expresar a súa disensión errada. Así que queda só, o Albert, diante da porta, tentando imaxinar o que está a acontecer naquel lugar e cunha pistola que realmente non ten nin idea de como empregar na man dereita.
Así que cando Mireia abre a porta do santuario para que saian Jaume e Francesc co peso do retablo, pega un berro que pon en funcionamento a axilidade mental dos cinco protagonistas da escena. Jaume e Francesc vencen durante uns segundos a tentación de soltar de golpe o retablo. Mireia decátase da inoperancia de Albert, da evidencia de que non é policía, na certeza de que non é un profesional, e lánzase sobre el. Marta, que saíra da somnolencia e do coche grazas ao chío de Mireia, axúdaa a paralizar ao intruso. E méteno co retablo, dentro da furgoneta.
36
Vermello e negro
Aquela reunión que se celebraba no cuarto andar dun edificio da rúa Roselló, e na que as voces non cruzaban o límite do volume que permitiría aos veciños coñecer da súa existencia, era ilegal. Porque os sindicatos eran tamén ilegais e os seus membros estaban, xa que logo, fóra da lei. Entón, cando a pequena asemblea deu por rematadas as deliberacións e acordos pertinentes, que implicaban solucións drásticas á satisfacción das inquedanzas dos seus membros, cando así o deixou escrito o secretario que tomaba acta, os asistentes saíron do edificio de fasquía modernista por rigorosa orde de quenda, un a un, para procurar non levantar sospeitas.
Albert non foi o primeiro en saír, Albert foi o oitavo membro que saíu do piso da rúa Roselló e polo tanto fíxoo con présa, susceptible. Albert pechou a porta da rúa e comezou a camiñar con medo a erguer a mirada, cos ollos postos nos debuxos das lousas, tentando atopar, grazas aos debuxos, se había algunha colocada nunha posición que non lle correspondía. E todo polo medo, todo para evitar mirar aos ollos das persoas coas que se cruzaba de camiño ao bus que o deixaría preto da súa casa, preto da barraca onde vivía, nos limites da cidade, un lugar entre Barcelona e non-Barcelona.
Albert acendeu o segundo pito ao sentar no bus, iso podía facerse daquela, fumar nos autobuses, sen problema. O feito de saír tan tarde, abandonar aquel edificio tan tarde, era asunto do azar, pero a responsabilidade que agora tiña sobre os seus ombreiros era completamente voluntaria, non tiña nada de fortuíta. Era unha tarefa para a que ofrecera o seu nome porque moralmente tiña a obriga de facelo, pero el mesmo sabía que sería moi difícil de levar a cabo por alguén quen ten tanto pavor a cruzar a sua mirada cos viandantes.
O bus detívose na última das paradas do seu traxecto, case corenta minutos despois de telo iniciado na estación de Sants. Ao baixar, camiñou un anaco e despois saltou un pequeno valado. Podía dicirse que xa estaba no seu barrio, no lugar onde non camiñaba mirando ás areas da terra, onde podía erguer a mirada. Pasou por debaixo dunhas parras, saudou a un veciño erguendo a man dereita e entrou na barraca, na casa. A cea estaba preparada, a nai estaba de pé e sentados á mesa agardaban o seu pai, o avó e a irmá: Núria.
35
A pedra de San Miguel
Os elementos que primeiro resaltaban, sobre todo para o ollo dun inexperto en arquitectura, eran as tres ábsidas e mais o ciborio. O santuario estaba no cumio dun outeiro, aproximadamente a 450 metros sobre o nivel do mar, e malia o seu tamaño, pequeno, as sobrias feituras románicas resultaban unha marabilla no contexto da montaña, das árbores, o verde e o ceo azul que comezaba a escurecerse. Efectivamente aquilo sería moi sinxelo. Non se vía ninguén, durante todo o camiño non se cruzaron con ningún outro coche ou camiñante. Estaban sós, os catro membros do Aparatus e, dentro da pequena igrexa, San Miguel.
O único que atendía con vehemencia á explicación era Jaume, mentres conducía o coche que os levaba ao lugar dos feitos, Mireia contáballes que aquela imaxe que roubarían non presentaba a San Miguel do xeito tradicional en que se adoitaba representar, isto é: atravesando o corpo do dragón cunha lanza ou durante o xuízo final cunha balanza, contando o peso das almas. Esta imaxe de San Miguel, tan especial que alguén estaba disposto a pagar para que alguén a roubase, portaba unha cruz sobre a súa cabeza, unha cruz que contiña unha pequena reliquia, lignum crucis, un anaco da Santa Cruz.
O modus operandi era do máis sinxelo, nada comparado ao risco e á sincronías necesarias para levar a cabo o atraco a un banco ou os complicados preparativos que o preceden. Achegaríanse co coche até a porta da igrexa, Marta quedaría no volante, co motor e as luces apagadas. Jaume abriría a porta forzando a vellísima e única pechadura que dificultaba o acceso ao templo. Despois entraría seguido de Francesc e Mireia que se limitaría a comprobar que a figura que subtraían non era unha réplica. Subirían ao coche e marcharían do lugar. E nada máis.
Así fixeron. E foi tan doado, houbo tanta relaxación durante todo o proceso, que despois de introducir a peza ben embalada no maleteiro, Mireia tivo tempo de sentar sobre unha gran pedra que había no exterior do templo, ao carón do muro da nave que dá ao leste. Mireia sabíao, pero non lle dixo nada a Jaume, sabía que aquela pedra, segundo a tradición local, axudaba a cumprir os seus desexos ás mulleres que querían descendencia e non conseguían concibir.
34
Arte sacro
O máis importante do asunto, o cambio de obxectivo, é que os riscos, as situacións de ameaza da súa integridade física e da súa liberdade, serían practicamente inexistentes. Esta era a máxima, a mellor carta que Jaume e Mireia manexaban para convencer aos seus dous socios da mellora que supuña cambiar os atracos a sucursais bancarias polos asaltos a igrexas e mosteiros. Nin sequera sería necesario ir armados, unha preocupación menos. Un bo plan, unha boa preparación, coordinación e silencio. Non era preciso absolutamente nada máis para empezar a subtraer pezas de arte de todo tipo dos recintos sagrados.
Jaume e Mireia non ocultaban a lóxica, unha vez que os golpes empezaran a crecer en cantidade e cualidade, cando os seus traballos empezasen a ter eco nos medios de comunicación, os niveis de seguridade dalgunhas igrexas e parroquias mellorarían. Pero non todos, só as máis salientables e importantes, as catedrais e museos diocesianos, non todas as comunidades eclesiásticas teñen a capacidade de mellorar substancialmente as súas medidas de prevención. E para cando chegase ese día, xa terían amoreado cartos abondo para descansar durante unha boa tempada e quizais, daquela, poderían volver cambiar de modus operandi e obxectivos.
Era un bo argumento, limpeza e seguridade. Pero Francesc sentía que o liderado do Aparatus se lle escapaba diante dos fociños. Até o momento, mesmo coa incorporación de Marta, todo funcionaba máis ou menos en base ás súas opinións, pero agora, por culpa dunha muller descoñecida que acababa de chegar, o centro de gravidade do Aparatus semellaba flutuar, non sería estable, habería debates. E non podía permitir que todo acontecese dun xeito tan doado, tiña que facelo un pouco difícil. E a súa réplica ao novo pan era unha réplica xusta e certa. O problema era a quen vender as obras roubadas, como sacar diñeiro dos roubos.
Marta e Francesc estaban completamente convencidos. A resposta foi doada. Mireia, grazas á súa época de estudante en Roma, tiña os contactos necesarios para facer funcionar a máquina. Con esa resposta estaba claro que o centro de gravidade, o liderado do Aparatus, estaba agora nas mans do seu irmán e a súa moza. E non lle gustaba sentirse en segunda posición. Foi naquel intre, cando acordaron o cambio de obxectivos, que Francesc Bastida pensou en traballar pola súa conta, deixalo todo e marchar lonxe, quizais aceptar a invitación de viaxar a Varsovia, chairas brancas e tranquilas.
33
Entre as pernas
Todo estaba en calma no lugar, Marta na súa peza, probablemente sentada na cama, fumando, lendo unha novela longa, escoitábase a música do seu tocadiscos que chegaba dende o outro extremo do piso.
Jaume saíu do baño en calzóns, descalzo. Dixo boas noites a Francesc, que desta volta durmiría no sofá do salón, apagoulle a luz e entrou no cuarto. Pechou a porta. Mireia xa estaba cuberta polas sabas, imaxinaba o que acontecería, o ruído non era algo do que preocuparse. Jaume meteuse a modo na cama, sen sospeitar que ela estaba completamente espida.
E cando o mozo apagou a luz, cando Jaume se achegou ao corpo da amada, cando os dedos da súa man dereita fixeron contacto coa pel da moza e reparou en que estaba espida, ela xirou as costas, bisbou algo no seu oído, non, ao carón do seu oído, nesa parte do pescozo que semella non pertencer a ninguén. El non escoitou con claridade as palabras, a mensaxe era o alento, a suxestión, e fíxose clara cando Mireia o colleu polo pelo e puxo literalmente a boca do mozo sobre o seu peito dereito. Jaume estaba lonxe de sospeitar absolutamente nada.
Mireia dirixía os movementos, a posición da cabeza de Jaume, Mireia conducía a lingua, a boca, o cuspe do amante por ese territorio inicial do peito, a cara e os ombreiros. Jaume só tiña que preocuparse de respirar e de acompañar coas mans o movemento musical principal que escribía ela, como se estivese a tentar memorizar as curvas da rapaza, o ángulo, a longura e a tensión da pel. E de cando en vez, o seu sexo tocaba lixeiramente o dela e unha sensación repentina de pracer subíalle até os pulmóns e obrigábao a concentrarse na respiración ao tempo que chuchaba. Sen sospeitar absolutamente nada.
A forza das mans de Mireia relaxouse, soltaron a cabeza de Jaume porque o camiño daquela lingua xa era firme e seguro, cara abaixo. Nun movemento rápido ela dobrou un pouco a almofada para colocala de xeito que lle permitise ver ben a Jaume. A boca e os dedos do rapaz xuntáronse aos poucos, ao ritmo do organismo de Mireia, faltáballe aire baixo as sabas e malia que sentía os seus propios desexos a ferver, só podía concentrarse nela. Sen sospeitar que Mireia tiña perfectamente informado de todo, incluso sobre estas cousas húmidas, ao axente Cabanillas.
32
Alguén moi especial
Francesc miraba pola fiestra a cada pouco até que nunha desas ocasións, ao estirar o pescozo para poder mirar cara ao principio da rúa, viu aparecer un Seat 124. Afinou os ollos para ver ben a matrícula e comprobou que era Jaume. Díxollo a Marta que estaba sentada diante del, dándolle o primeiro grolo ao vermú vermello. Xa están aquí. E ela xirou o corpo cara a esquerda de xeito que non puido ver o coche. Se tivese xirado o corpo na dirección contraria, cara a dereita, tería visto o 124 alonxarse na procura de aparcamento.
Marta estaba moi impaciente por coñecer esa muller, a tal Mireia Mainer, que viña con Jaume, porque tiña ganas de que as cousas ao seu redor collesen unha inercia diferente, oposta, saír de vez da rutina do lecer e poñerse a traballar, a preparar algunha cousa, meter os pensamentos noutra cousa que non fose Francesc e a desidia das horas desocupadas. A lóxica dicíalle que Mireia non viña para pasar o tempo e polo pouco que falara por teléfono con Jaume semellaba que a chegada da parella cambiaría para ben as expectativas de Marta.
Jaume estaba nervioso polos seus sentimentos, non lle gustaba a idea deq eu o delatasen, tentaba dirixilos, racionalizar os nervios que sentiu cando pechou a porta do coche, non quería que os seus compañeiros puidesen comprobar até que punto estaba namorado daquela muller. Antes de que Francesc e Marta puidesen ver o xesto a través do vidro da cafetaría, Jaume fíxolle un aloumiño a Mireia, e chamouna polo seu nome falso unha vez máis, para afacerse e que non lle saíse ese nome raro, Trahamunda, en público.
Pola contra, Mireia, Trahamunda Soutullo, deixábase levar pola arrogancia e a inmodestia, aceptou con intelixencia e amor o afago cariñoso de Jaume. Mireia sentíase completamente segura, firme, convencida da súa superioridade moral e intelectual, sabía que ao final era iso o que máis contaba. E tiña a certeza de que as outras dúas persoas coas que mantería unha reunión informal, xa eran conscientes, naquel preciso momento en que aínda non se coñecían abondo, de que ela sería unha peza moi especial, especial de verdade.