Vermello e negro
Aquela reunión que se celebraba no cuarto andar dun edificio da rúa Roselló, e na que as voces non cruzaban o límite do volume que permitiría aos veciños coñecer da súa existencia, era ilegal. Porque os sindicatos eran tamén ilegais e os seus membros estaban, xa que logo, fóra da lei. Entón, cando a pequena asemblea deu por rematadas as deliberacións e acordos pertinentes, que implicaban solucións drásticas á satisfacción das inquedanzas dos seus membros, cando así o deixou escrito o secretario que tomaba acta, os asistentes saíron do edificio de fasquía modernista por rigorosa orde de quenda, un a un, para procurar non levantar sospeitas.
Albert non foi o primeiro en saír, Albert foi o oitavo membro que saíu do piso da rúa Roselló e polo tanto fíxoo con présa, susceptible. Albert pechou a porta da rúa e comezou a camiñar con medo a erguer a mirada, cos ollos postos nos debuxos das lousas, tentando atopar, grazas aos debuxos, se había algunha colocada nunha posición que non lle correspondía. E todo polo medo, todo para evitar mirar aos ollos das persoas coas que se cruzaba de camiño ao bus que o deixaría preto da súa casa, preto da barraca onde vivía, nos limites da cidade, un lugar entre Barcelona e non-Barcelona.
Albert acendeu o segundo pito ao sentar no bus, iso podía facerse daquela, fumar nos autobuses, sen problema. O feito de saír tan tarde, abandonar aquel edificio tan tarde, era asunto do azar, pero a responsabilidade que agora tiña sobre os seus ombreiros era completamente voluntaria, non tiña nada de fortuíta. Era unha tarefa para a que ofrecera o seu nome porque moralmente tiña a obriga de facelo, pero el mesmo sabía que sería moi difícil de levar a cabo por alguén quen ten tanto pavor a cruzar a sua mirada cos viandantes.
O bus detívose na última das paradas do seu traxecto, case corenta minutos despois de telo iniciado na estación de Sants. Ao baixar, camiñou un anaco e despois saltou un pequeno valado. Podía dicirse que xa estaba no seu barrio, no lugar onde non camiñaba mirando ás areas da terra, onde podía erguer a mirada. Pasou por debaixo dunhas parras, saudou a un veciño erguendo a man dereita e entrou na barraca, na casa. A cea estaba preparada, a nai estaba de pé e sentados á mesa agardaban o seu pai, o avó e a irmá: Núria.