35

A pedra de San Miguel

Os elementos que primeiro resaltaban, sobre todo para o ollo dun inexperto en arquitectura, eran as tres ábsidas e mais o ciborio. O santuario estaba no cumio dun outeiro, aproximadamente a 450 metros sobre o nivel do mar, e malia o seu tamaño, pequeno, as sobrias feituras románicas resultaban unha marabilla no contexto da montaña, das árbores, o verde e o ceo azul que comezaba a escurecerse. Efectivamente aquilo sería moi sinxelo. Non se vía ninguén, durante todo o camiño non se cruzaron con ningún outro coche ou camiñante. Estaban sós, os catro membros do Aparatus e, dentro da pequena igrexa, San Miguel.

O único que atendía con vehemencia á explicación era Jaume, mentres conducía o coche que os levaba ao lugar dos feitos, Mireia contáballes que aquela imaxe que roubarían non presentaba a San Miguel do xeito tradicional en que se adoitaba representar, isto é: atravesando o corpo do dragón cunha lanza ou durante o xuízo final cunha balanza, contando o peso das almas. Esta imaxe de San Miguel, tan especial que alguén estaba disposto a pagar para que alguén a roubase, portaba unha cruz sobre a súa cabeza, unha cruz que contiña unha pequena reliquia, lignum crucis, un anaco da Santa Cruz.

O modus operandi era do máis sinxelo, nada comparado ao risco e á sincronías necesarias para levar a cabo o atraco a un banco ou os complicados preparativos que o preceden. Achegaríanse co coche até a porta da igrexa, Marta quedaría no volante, co motor e as luces apagadas. Jaume abriría a porta forzando a vellísima e única pechadura que dificultaba o acceso ao templo. Despois entraría seguido de Francesc e Mireia que se limitaría a comprobar que a figura que subtraían non era unha réplica. Subirían ao coche e marcharían do lugar. E nada máis.

Así fixeron. E foi tan doado, houbo tanta relaxación durante todo o proceso, que despois de introducir a peza ben embalada no maleteiro, Mireia tivo tempo de sentar sobre unha gran pedra que había no exterior do templo, ao carón do muro da nave que dá ao leste. Mireia sabíao, pero non lle dixo nada a Jaume, sabía que aquela pedra, segundo a tradición local, axudaba a cumprir os seus desexos ás mulleres que querían descendencia e non conseguían concibir.