34

Arte sacro

O máis importante do asunto, o cambio de obxectivo, é que os riscos, as situacións de ameaza da súa integridade física e da súa liberdade, serían practicamente inexistentes. Esta era a máxima, a mellor carta que Jaume e Mireia manexaban para convencer aos seus dous socios da mellora que supuña cambiar os atracos a sucursais bancarias polos asaltos a igrexas e mosteiros. Nin sequera sería necesario ir armados, unha preocupación menos. Un bo plan, unha boa preparación, coordinación e silencio. Non era preciso absolutamente nada máis para empezar a subtraer pezas de arte de todo tipo dos recintos sagrados.

Jaume e Mireia non ocultaban a lóxica, unha vez que os golpes empezaran a crecer en cantidade e cualidade, cando os seus traballos empezasen a ter eco nos medios de comunicación, os niveis de seguridade dalgunhas igrexas e parroquias mellorarían. Pero non todos, só as máis salientables e importantes, as catedrais e museos diocesianos, non todas as comunidades eclesiásticas teñen a capacidade de mellorar substancialmente as súas medidas de prevención. E para cando chegase ese día, xa terían amoreado cartos abondo para descansar durante unha boa tempada e quizais, daquela, poderían volver cambiar de modus operandi e obxectivos.

Era un bo argumento, limpeza e seguridade. Pero Francesc sentía que o liderado do Aparatus se lle escapaba diante dos fociños. Até o momento, mesmo coa incorporación de Marta, todo funcionaba máis ou menos en base ás súas opinións, pero agora, por culpa dunha muller descoñecida que acababa de chegar, o centro de gravidade do Aparatus semellaba flutuar, non sería estable, habería debates. E non podía permitir que todo acontecese dun xeito tan doado, tiña que facelo un pouco difícil. E a súa réplica ao novo pan era unha réplica xusta e certa. O problema era a quen vender as obras roubadas, como sacar diñeiro dos roubos.

Marta e Francesc estaban completamente convencidos. A resposta foi doada. Mireia, grazas á súa época de estudante en Roma, tiña os contactos necesarios para facer funcionar a máquina. Con esa resposta estaba claro que o centro de gravidade, o liderado do Aparatus, estaba agora nas mans do seu irmán e a súa moza. E non lle gustaba sentirse en segunda posición. Foi naquel intre, cando acordaron o cambio de obxectivos, que Francesc Bastida pensou en traballar pola súa conta, deixalo todo e marchar lonxe, quizais aceptar a invitación de viaxar a Varsovia, chairas brancas e tranquilas.

Bookmark the permalink.

Comments are closed.