32

Alguén moi especial

Francesc miraba pola fiestra a cada pouco até que nunha desas ocasións, ao estirar o pescozo para poder mirar cara ao principio da rúa, viu aparecer un Seat 124. Afinou os ollos para ver ben a matrícula e comprobou que era Jaume. Díxollo a Marta que estaba sentada diante del, dándolle o primeiro grolo ao vermú vermello. Xa están aquí. E ela xirou o corpo cara a esquerda de xeito que non puido ver o coche. Se tivese xirado o corpo na dirección contraria, cara a dereita, tería visto o 124 alonxarse na procura de aparcamento.

Marta estaba moi impaciente por coñecer esa muller, a tal Mireia Mainer, que viña con Jaume, porque tiña ganas de que as cousas ao seu redor collesen unha inercia diferente, oposta, saír de vez da rutina do lecer e poñerse a traballar, a preparar algunha cousa, meter os pensamentos noutra cousa que non fose Francesc e a desidia das horas desocupadas. A lóxica dicíalle que Mireia non viña para pasar o tempo e polo pouco que falara por teléfono con Jaume semellaba que a chegada da parella cambiaría para ben as expectativas de Marta.

Jaume estaba nervioso polos seus sentimentos, non lle gustaba a idea deq eu o delatasen, tentaba dirixilos, racionalizar os nervios que sentiu cando pechou a porta do coche, non quería que os seus compañeiros puidesen comprobar até que punto estaba namorado daquela muller. Antes de que Francesc e Marta puidesen ver o xesto a través do vidro da cafetaría, Jaume fíxolle un aloumiño a Mireia, e chamouna polo seu nome falso unha vez máis, para afacerse e que non lle saíse ese nome raro, Trahamunda, en público.

Pola contra, Mireia, Trahamunda Soutullo, deixábase levar pola arrogancia e a inmodestia, aceptou con intelixencia e amor o afago cariñoso de Jaume. Mireia sentíase completamente segura, firme, convencida da súa superioridade moral e intelectual, sabía que ao final era iso o que máis contaba. E tiña a certeza de que as outras dúas persoas coas que mantería unha reunión informal, xa eran conscientes, naquel preciso momento en que aínda non se coñecían abondo, de que ela sería unha peza moi especial, especial de verdade.