31

Cos ollos húmidos

Para calquera persoa que os observase podería parecer que aqueles dous coches que cruzaban a fronteira a unha velocidade considerable ían o un detrás do outro de xeito casual. Pero os axentes Cabanillas e Pujol, dentro do Renault 4TL branco abeirado a catro quilómetros da fronteira, sabían que os dous condutores daqueles vehículos, un home e unha muller, coñecéranse e pasaran varios días xuntos na localidade próxima de Saint Bertrand de Comminges. Os policías agardaban agora a que pasasen por diante da súa posición, de volta á casa. Eles dous tamén volverían, durante unha noite cando menos, á tranquilidade dos seus fogares, a durmir nas súas camas.

Cando o SEAT 124 e mais o SEAT 128 pasan un detrás do outro diante do cruce onde se atopan os dous policías de incógnito, o axente Cabanillas ponse en tensión, acende o motor e incorpórase á estrada. Non necesitan seguilos con intensidade, non necesitan ter os vehículos dos delincuentes no seu campo visual. Intúen con acerto que o seu destino é Barcelona, unirse a Francesc e a Marta para comezar unha nova xeira de atracos, quizais máis depurados e lonxe das sucursais bancarias, quizais en vilas afastadas da península onde poder subtraer arte sacro do interior de pequenas igrexas que ninguén vixía.

Ao axente Cabanillas gústalle conducir, gústanlle os motores, os coches, está a gozar da pilotaxe do motor de 852 centímetros cúbicos. Seu pai tiña un de dúas portas que empregaba para transportar material, artefactos, redes e recambios mariños, ao porto de Barcelona onde o necesitaban con urxencia a meirande parte dos seus clientes. Aquel era e é un dos coches máis baratos do mercado. Pero este modelo é diferente, novo, tipo berlina, con cinco portas e ten un motor novo, catro marchas e uns asentos dianteiros moito máis confortables.

E así entraron os dous axentes en Barcelona, pola avenida Diagonal, á máxima velocidade, non moita, que permitía a potencia do vehículo. E cando Cabanillas deixou a Pujol na súa casa, cando o compañeiro pechou a porta, decatouse de que o cadro de mandos tamén era diferente ao do seu pai. Foi ao botar o ollo ao lugar onde o pai tiña unha imaxe de San Cristovo. Cabanillas púxose tristeiro ao lembrar aquel detalle persoal. E decidiu non ir a casa, aparcou o coche e entrou no primeiro bar que atopou coas portas abertas. E bebeu whisky, cos ollos húmidos.

Bookmark the permalink.

Comments are closed.