Como quen manda unha carta
Francesc sentiu que a distancia se fixera moi longa, esa non disposición de Marta para todo e que el non entendía. Francesc estaba relativamente incapacitado para ver a raíz dos problemas ao seu redor, especialmente aqueles que provocaba a súa propia actitude, a súa forma de ser. A súa intelixencia emocional era realmente limitada. El culpaba directamente aos outros, quizais sabía que era parte da situación pero non tiña a capacidade crítica de reparar nos detalles concretos da súa personalidade que provocaban determinadas impresións negativas nas persoas coas que convivía.
Marta, pola súa banda, era plenamente consciente da situación en que se atopaba a relación, de como se queimara todo en cuestión dunhas poucas semanas. Marta soubo de que perdera completamente o interese ante a visión, ante a convivencia coa persoa real que se agochaba tras a primeira imaxe que proxectaba Francesc. Ela foi quen tomou a decisión de deixarse caer na inercia da desidia, deixar que todo o que existía entre eles dous morrese pouco a pouco, como quen manda unha carta a un país lonxincuo sen sequera agardar resposta.
Un día foi gardar uns calcetíns do mozo que acabaran por error entre as súas cousas. Grazas a unha acción tan prosaica como devolver roupa ao seu lugar, atopou no desordeado caixón da roupa de Francesc aquela pedra da praia de Ixos, aquela pedra que lle chamara a atención e que ela recollera de entre as areas. E lembrou aquel ton que o mozo empregara para pedirlle a pedra, foi quen de revivir por enteiro aquela sensación aceda que lle subiu aos ollos. Marta sentiuse traizoada e ferida nun lugar que non coñecía, ou mellor dito, un lugar onde non pensaba que Francesc puidese ter chegado.
Días máis tarde, cando Francesc abriu o caixón e, tamén por casualidade, reparou en que a pedra non se atopaba onde debía estar, entre as cousas que eran da súa propiedade, soubo que todo rematara, e sóuboo como quen recibe unha carta que confirma as novas que hai tempo chegaron por outros medios. Ao principio sentiuse enganado, profundamente anoxado e violentado. Pero aos poucos segundos recapacitou. Coas mans apoiadas no moble e a cabeza abaixada, foi a primeira vez na súa vida en que, inmerso aínda na situación amarga dunha dor, sinalou a súa persoa como culpable. E simplemente deixou de durmir no cuarto de Marta.