29

Os planos de Mireia

Trahamunda estaba a ducharse, relaxándose, ignorante de que ao outro lado da porta, sobre a mesma cama en que pasaran toda a noite a posuírse, Jaume Bastida abría o seu bolso e comezaba un rexistro rápido na procura de información, empezando pola data do seu nacemento. A sorpresa chegou para o home dende o inicio do análise, ao atopar un nome diferente no documento de identidade: Trahamunda Soutullo. E foi ao cismar nese nome que non escoitara nunca, Trahamunda, no impacto que lle produciu a mentira, que non se decatou de que a muller, a tal Mireia, saía da ducha e o sorprendía co bolso aberto entre as pernas.

Ela sentiuse, tamén, sorprendida e, mentres miraba o vaso de auga baleiro sobre a mesiña de noite, decidiu asumir a situación con naturalidade. É un nome galego, é a patroa da morriña. Porque me dixeches que te chamabas Mireia? Non sei, supoño que teño unha crise de identidade. Non me importa, pero como queres que te chame? Mireia, chámame Mireia. Mireia empezou a vestirse e, aínda que soubo que aquilo xa estaba superado, por primeira vez foille difícil establecer contacto visual con Jaume, como se aquela situación estivese planeada para acontecer moito máis adiante, noutra ocasión en que houbese máis confianza. A moza sentíase moito máis ferida ca Jaume que, en silencio, colocou as cousas de volta no interior do bolso e accedeu ao cuarto de baño para ducharse.

Mentres tomaban cadanseu café, cadanseu croissant perfecto, coas capas de milfollas a recender a manteiga de calidade, Jaume preguntoulle á moza que faría, onde iría, cales eran os seus planos. E Mireia atopou na pregunta un xeito de devolverlle a confianza ao amante. Penso gañarme ben a vida co que me gusta, a arte sacra. Restauradora, comisaria de exposicións? Non, roubarei obras por encargo e vendereinas. O movemento causou o efecto axeitado, a Jaume pasoulle un brillo polos ollos e durante uns segundos pensou na casualidade, nas baixas probabilidades que había de que dous ladróns vocacionais se atopasen nunha vila como aquela.

Jaume escoitou con atención, facéndolle preguntas moi concretas, co ánimo de quen está a descubrir algo novo e marabilloso que sempre estivera diante dos seus fociños pero ao que non prestara atención, demostrando un interese que por uns momentos Mireia pensaba finxido. Ela non sabía até que punto estaba a falar coa persoa indicada.

Bookmark the permalink.

Comments are closed.