O principio da distancia
Non ver. Iso era o que desexaba con intensidade o Jaume, doíalle profundamente ver que era seu irmán quen ocupaba ese lugar quente ao carón de Marta e que tanto desexaba para el. Sentados no chan dos peiraos de Rodas, como tres adolescentes aos que non lles importa nada a opinión allea, bebían das latas de cervexa Vergina que o propio Jaume portaba nunha neveira laranxa portátil. Francesc e Marta levaban todo o ritmo da conversa mentres que Jaume se limitaba a observar con relativo interese a pegada húmida que deixaba a súa lata sobre o cemento do peirao.
Desaparecer. Iso foi o que fixo Jaume cando Marta suxeriu ir dar un paseo pola praia de Ixos. Deixaran a neveira baleira no apartamento da praza Hipócrates e saíron para comer nun restaurante. Pero atoparon un posto ambulante onde vendían queixo e koulouri. Mercaron abondo para tres e cando Jaume partiu o pan cirucular e meteu o primeiro anaco na boca, cando sentiu a forza das sementes de sésamo na pituitaria, foi o intre en que escoitou a suxestión de Marta a penetrar os seus oídos. Dende aquela data o sabor do sésamo recórdalle á amargura que sentiu en Rodas aquela tarde de primavera.
Fíxose invisible, Jaume, dende aquel intre en que Francesc aceptara a oferta de paseo en Ixos. Escusouse nunha fonda sensación de canseira e esgotamento, non era mentira, quizais debería engadir, para ser sincero, desacougo, tristura e decepción. Francesc e Marta deixárono marchar, quero dicir que eles desexaban estar un tempo sós, de xeito físico. Era evidente que o espírito de Jaume estaba noutra parte pero nin sequera o irmán sospeitaba que o mozo que marchaba de volta ao apartamento coa metade do pan circular agarrado na man dereita estivese a sentir por Marta cousas semellantes ás que el sentía.
Os dous namorados tiveron tempo para profundar no contacto físico. Jaume non existía para eles, por exemplo, naquel momento en que Marta levantou da area unha pedra completamente azul. Ensinoulla a Francesc coa tenrura do namoramento, dese ánimo absurdo de ver unha mensaxe agochada en cada feito. E foi cando Francesc cruzou por primeira vez o lindeiro do permitido para unha muller como Marta. Estendeu a man e díxolle dáme a pedra esa. Marta mirouno aos ollos, soubo que aquilo tiña data de caducidade. E con ese ímpeto seguro meteu a pedra no seu pantalón curto branco.