25

Programación

Jaume e Francesc Bastida quedaron no de Marta, un piso que tiña unha distribución bastante curiosa das estanzas, e alí seguiron bebendo quintos de cervexa, coñecéndose. Os irmáns compartían unha cama grande, no outro cuarto da casa, ao que se accedía dende o salón mediante unha porta oposta, fronte por fronte, á que daba acceso ao cuarto de Marta. Os sentimentos e inercias que se iniciaron naquela primeira asemblea comezaron a callar e Jaume, pouco a pouco, sentiuse fóra daquela relación que Marta e Francesc forxaban cos seus risos e anécdotas. Até que Jaume decidiu instalarse no sofá do salón, agardando a que se decidisen a compartir o leito.

Un día, unha mañá de maio, Jaume colleu, sen chegar a ningún acordo ou avinza coa súa propietaria, o vello tocadiscos do moble sobre o que descansaba, escarallado e sen futuro.   Estaba só no piso, Marta e Francesc marcharan a mercar, ou cando menos iso dixeran que ían facer. Era certo que case non quedaba comida na cociña e, sobre todo, non quedaban cervexas na neveira. O mozo, intelixente e con maña para a técnica e a electrónica, axiña localizou a razón da enfermidade do aparello e arranxouno sen necesidade de mercar reposto ou ferramenta, algo que despois abraiaría á moza e, sen dúbida, a razón pola que el se animara a buscarlle solución ao instrumento.

tocadiscos

A música de Fran Zappa soaba no piso cando Marta e Francesc entraron no piso cunha significativa e solitaria caixa de cervexa que indicaba que fixeran algo máis ca mercar naquelas tres horas que permaneceron fóra do piso. Foi entón cando Jaume explicou a tarefa de posta a punto do tocadiscos. Sentaron os tres, por enésima vez ao redor da mesa e comezaron a falar dos seus asuntos. O caso é que non chegaban a concretar ningunha das ideas que se lles ocorrían. Semellaba que quizais era falso aquel presentimento que os levara a pensa que xuntos terían moitas posibilidade de incrementar os seus golpes e a recadación.

O único feito pragmático e sobresaliente do día foi a decisión de colleren unhas vacacións, marchar xuntos a Grecia para fuxir daquela presión. Isto, a nova vida do tocadiscos e a decisión de Marta de abrir a porta do cuarto onde durmía Francesc, algo que aproveitou Jaume para meterse á súa vez na cama de Marta e poder descansar un pouco máis lonxe dos ronquidos do seu irmán.

 

Bookmark the permalink.

Comments are closed.