24

Un tocadiscos, unha mesa e tres cervexas

Sentados os tres no salón da casa de Marta, cada un cunha pequena botella de cervexa na man, separados por unha distancia que era a tradución do intre tenso e ilóxico que estaban a vivir. Os irmáns nos dous extremos do sofá e Marta ao outro lado da mesa, nunha grande cadeira de brazos. Coñecíanse polos papeis, indirectamente, polas novas mediante as que os xornais espallaban os seus atracos. Agora estaban a expoñer razóns, proveitos e prexuízos, sobre aquela mesa de vidro que os separaba. O certo é que gañaban moitísimo máis traballando xuntos que por separado.

O silencio inicial non se rompeu cando Marta Fernández abriu a porta do frigorífico e ofreceu as cervexas, os irmáns Bastida estaban en garda porque non sabían como reaccionaría aquela muller ante aquela situación que a collera por sorpresa: a presenza das rodas enriba da mesa da cociña. Cando se dirixiron ao salón sentaron e Jaume sinalou un tocadiscos sobre o único moble daquela estanza. Marta respondeulle que estaba escarallado, que non funcionaba, que era tan só un aparato. E foi así, grazas a esa palabra descritiva de Marta que decidiron bautizar ao grupo con ese nome, Aparatus.

Daquela, cando chegou esa feliz idea, os tres mozos xa estaban a piques de acabar todas as cervexas que Marta gardaba na neveira e baixaran case definitivamente a garda. Foi naquel intre, quizais, cando Francesc, Jaume e Marta sentiron, por primeira vez e sen eles fosen conscientes, de que algo máis aló do profesional nacía entre eles. Os dous irmáns sentíronse atraídos pola muller e a Marta comezou a facerlle graza o xeito que tiña Francesc para contar anécdotas da infancia, como se fose outra persoa da que estaba a falar, resultoulle atractiva esa certa despreocupación por quedar ben.

Jaume era máis tímido, procuraba non falar moito e agochábase detrás dunha botella que levaba aos beizos cada vez que a presenza dun silencio breve se achegaba, un xeito ridículo, pero que a el lle semellaba efectivo, de fuxir da obriga de aportar algo á conversa. Era evidente que tanto a Francesc como a Marta non lles preocupaba esa situación odiada por Jaume. Falaban, rían e parecía que era unha conversa entre esas tres persoas. Pero non era así. Aquilo era o principio dunha situación que nos primeiros compases foi idílica e moi pouco a pouco se complicou.

Bookmark the permalink.

Comments are closed.