Jaume e Francesc aínda rían un pouco cando se miraban, case non falaban de puro nerviosismo e ledicia, cando lles quedaban só 15 minutos para chegar ao seu destino, ao seu primeiro agocho, Tudela de Navarra. Non era que non confiasen nas súas posibilidades, pero é que todo saíra á perfección. Jaume conducía o volante dun SEAT 124 D Especial de cor beixe Sáhara pola pequena estrada NA-125. O ceo azul e a paisaxe magnífica e desconcertante do deserto das Bardenas Reales rodeábaos. Os dous irmáns levaban, agochado nun maleteiro cheo de froitos secos, un bo botín de billetes e, sobre todo, xoias.
O éxito do roubo era o resultado de dous meses de preparación ininterrompida. Souberan por casualidade, ao falar nun bar sobre un tema tan distante coma os apartados postais cun vello traballador da hostalaría de Barcelona, que o hotel Petrus ofrecía aos seus clientes un servizo que non tiñan outros hoteis da cidade: caixas de seguridade. Sen descanso, durante horas e horas de paciente espera diante da porta de servizo do Hotel Petrus, apuntaron os horarios e quendas de cada persoa que entraba e saía por aquela porta, homes e mulleres a quen bautizaban con nomes facilmente referenciables á súa anatomía.
Todo estaba preparado, madrugaron e botaron a andar o plan, tiñan que chegar á hora do cambio de quenda. Non chamaron a atención ao presentarse na porta do hotel de cinco estrelas a bordo dun SEAT 124 Sport, de cor vermello rally, vestidos con traxes elegantes, á moda, e zapatos ben lustrados. Despois de rexistrarse nos cuartos máis caros dispoñibles solicitaron a posibilidade de gardar en caixas de seguridade certo material que dicían levar no maletín negro que portaban. En canto chegaron ao lugar onde se atopaban as caixas de seguridade sacaron as pistolas, o encargado e mais o conserxe que os acompañaba non dubidaron en colaborar.
Jaume e Francesc saíron do hotel sen présas, seguros de que o sinal de alarma tardaría en producirse. Subiron ao coche deportivo e en menos de vinte e cinco minutos estaban nun descampado preto de San Vicenç dels Horts. Alí cambiaron de roupa e de coche, meteron o botín no SEAT 124 D Especial que os agardaba, o coche con motor de dúas árbores, de 1919 cc e ópticas dianteiras rectangulares que agora mesmo aparca na calle Verjas da pequena vila de Tudela, onde os dous irmáns pasarán unha noite tranquila, sen excesos.