19

Infancia

Os irmáns Bastida xogaban na rúa cunha pelota sen aire, o sol do serán bouraba aínda nas súas cabezas de adolescentes. O coiro do balón deformábase con cada patada e a válvula movíase no seu interior. Non pasaban coches e o son seco dos golpes sobre a superficie mol da pelota conseguía darlle un ritmo estraño a aquelas horas mortas do final do día. De cando en vez un pase errado obrigaba ao receptor a facer un movemento brusco e a grava, as pequenas pedras baixo os pés renxían, dábanlle un verniz orixinal ao compás do xogo.

Con este ritmo, semellante, achegouse o pai coas mans nos petos, tentando disimular un pouco a falta de equilibrio, unha inestabilidade proporcionada pola inxestión dalgunha botella de cervexa e varias doses de licores mesturados con bebidas carbónicas azucradas. Os rapaces non interromperon a cadencia case monótona de pases que os entretiña, limitáronse a mover a cabeza e as mans para saudar o pai antes de que este se metese na casa pechando a porta tras de si. Durante uns intres seguiu sendo o xogo dos irmáns Bastida o único que se escoitaba naquela rúa dos arrabaldes da gran cidade.

Jaume, que daquela non podía imaxinar que algún día sería coñecido como Roel e tería o grao de xeneral do exército, foi o primeiro en escoitar os pratos rotos e, de xeito inmediato, os berros que chegaron dende o interior da súa casa. Jaume e Francesc miráronse como se a súa reacción ante o feito fose parte dun protocolo previamente acordado ou ensaiado. Pero non era así. De xeito tácito os dous irmáns decidiran que non debían permitir que volvese acontecer. Non podían soportalo máis. E correron cara ao interior da casa.

A porta cedeu ante o empurre dos rapaces e bateu con forza contra a parede. Os vidros caeron en anacos sobre o chan. Tamén estaba a súa nai sobre o chan da cociña, de xeonllos, diante do pai que non agardaba a reacción dos seus fillos. Bateron nel mentres a nai pedía paz, calma, algo que os oídos dos rapaces non estaban en disposición de escoitar e comprender. Detivéronse cando a mesma inercia que os levaba se detivo entre as súas mans.

A pelota quedou abandonada no pedregullo, en silencio. A válvula quizais tremía aínda no seu interior cando os irmáns Bastida saíron correndo da casa, chorando e sen rumbo cara as tripas da gran cidade.

 

Bookmark the permalink.

Comments are closed.