Aqueles rapaces fermosos
O sol comezaba a deitar os seus raios sobre o mar Mediterráneo, o sol iluminaba de xeito tímido aínda os edificios de Barcelona, cando Roel chamou educadamente na porta do piso franco da rúa Mallorca, sen botar a porta abaixo como pensaba facer ao volante do Alfa Romeo co que acababa de matar aos asasinos de seu irmán. Cando Marta escoitou o bater da man de Roel sobre a táboa da porta do piso, eses tres golpes, ese estrondo que a fixo tremer de arriba abaixo, ela acababa de pousar a agulla sobre o disco e a melodía puido ser sentida polo home que agardaba na escaleira.
Era evidente que a melodía xa delatara a súa presenza no interior do piso, así que Marta desbotou a opción de facela calar e camiñou a modo, descalza, até a porta e observou pola pequena mira. Roel presentiu, imaxinou a Marta ao outro lado. Toda a violencia que traía no coche, a axitación, os propósitos de expedición e velocidade deron paso á unha argumentación baseada na súa deserción, nos intres agradables do pasado e na necesidade de permanecer xuntos e fuxir o antes posible da cidade.
Dentro do piso Marta, sorprendida de atopar alí a presenza fermosa de Roel, escoitaba coa orella pegada á madeira, cunhas ganas inmensas de crer no discurso que aquel traidor lle ofrecía. Non había xeito de demostrar a veracidade das súas palabras. Pero o certo é que nada lle impedía, se realmente seguía formando parte do exército, derrubar a porta e entrar alí para detela. Pero cando as derradeiras notas da música se derretían no ambiente tenso do piso franco, Marta escoitou un argumento máis da boca de Roel, Francesc está morto.
Cando o silencio era palpable nas escaleiras e no piso franco da rúa Mallorca, Marta volveu mirar a través da porta. Alí, agardando na escaleira, cos ollos enchoupados en ira e tenrura, Roel era tan fermoso e diferente coma o seu irmán. Tamén ela deixou que os bos momentos do pasado fixesen acto de presenza. Marta colleu o pomo e a fechadura cunha fe descoñecida, empurrada polo feito de que non tiña outra saída real, e abriu a porta, a lámina de madeira que a separaba dun home que xa os traizoara unha vez.
Marta fora prudente, non botaron moito limpando o piso. Marta colleu as cousas e saíron camiño do Segriá.