O último que fixo ao seu carón
Ela quería lembrar o seu nome como unha etiqueta coa que arquivar o seu recordo, pero hai días en que Katerina sinte que todo semella seguir igual. Iso prodúcelle unha sensación espantosa, horrible, de profundo desarraigo que non pode soportar. Como se todo o acontecido durante a súa vida non servise para nada e que non hai implicacións posibles, encrucilladas aceptables que axuden a encarar as posibilidades máis tenras e apetecibles do futuro.
Coser foi o último que fixo ao seu carón. Sentou nunha cadeira de brazos moi semellante á que tiña había anos naquel piso de Varsovia onde todo comezara para eles dous. O último que fixo na súa presenza antes de coller o avión foi coser aproveitando a raxeira intensa do sol das tres e media da tarde que entraba pola xanela. El estaba alí mentres ela tentaba coser, cunha corrección aceptable, un parche de Negu Gorriak na súa cazadora negra, aquela que a nai insistira en pagar había anos e que até o momento non vestía a miúdo porque pensaba que, malia que lle gustaba moito o deseño, a parte de abaixo, ao abrochar a cremalleira, non lle sentaba ben.
Katerina non puido comprobar se el a miraba namorado ou se tamén empregaba, esforzado nalgunha angueira, a luz intensa que quentaba as rúas dos arrabaldes de Varsovia. Quizais Francesc só miraba máis aló dos vidros da xanela, quizais imaxinaba o que farían á súa volta ao final da primavera cando as flores reinasen nos xardíns do pazo de Wilanów e Ulises os mirase, gardián, dende os frescos das paredes. Aquilo foi o último que fixo ao seu carón, coser.
Despois, ao gardar os aparellos de costura no seu lugar, levantouse poñendo a cazadora, deulle un bico, unha aperta que aínda lembra e saíu da casa dicíndolle que o amaba, que o quería, sen saber que era para sempre, que xa nunca endexamais volvería apreixar o seu corpo coa intensidade do amor que marcha pensando que a eternidade é medible. Quería lembrar o seu nome como unha simple etiqueta sen sospeitar que algún día recibiría uns datos asépticos que a axudarían a localizalo nun hospital de Barcelona: Paciente 500AC.