4

No búnker de Montjuïc

Aínda era noite e o castelo de Montjuïc observaba a cidade coa súa teimuda mirada de sospeita, coa actitude de quen non ten outra cousa que facer que estar alí só para amolar. No búnker situado baixo o granito e a lousa da montaña, o  comandante do corpo de infantería estivo en pé durante case trinta minutos, o tempo que durou a súa intervención, e permanecería en pé na breve rolda de preguntas que a cúpula do Estado Maior tivo a ben efectuar para esclarecer o acontecido na rúa Banyoles durante o mediodía do pasado luns.

O xeneral Roel non cambiou a expresión do seu rostro durante o breve monólogo do comandante. Unha vez que se considerou fracasado o operativo para interceptar e eliminar a Francesc Bastida antes de que chegase a Barcelona, e por mor do perigo que entrañaba a presenza de elementos subversivos tan graves na capital, tomouse a decisión de facelo desaparecer de forma taxativa. As ordes foron transmitidas ao comando do servizo de operativos especiais da capital para que eliminasen o obxectivo nun prazo de tempo non superior ás catro horas.

Cando o comando estaba a piques de levar a cabo a acción, foron recibidas dúas notificacións que obrigaron a abortar a misión. Os servizos de intelixencia advertiron da presenza na rúa Banyoles, o lugar onde se desenvolvería a operación, dos dous axentes da policía previamente encargados da vixilancia do obxectivo. Ademais, os propios membros do operativo das forzas especiais, agochados en Travessera de Gràcia, repararon en dúas persoas que portaban un bazooka de fabricación caseira a poucos metros da súa posición.

As dúas persoas armadas avanzaron até situarse a menos de cen metros da rúa Banyoles e dispararon un proxectil que causou un morto, o axente Pujol, e varios feridos. Entre estes atópanse o axente Cabanillas, o empregado da hamburguesería e Bastida. Tanto o policía coma o camareiro xa prestaron declaración na comisaría, mentres que Francesc Bastida, en custodia no Hospital de la Santa Creu i Sant Pau, sofre graves feridas que polo de agora imposibilitan a súa comparecencia ante a xustiza.

No tocante aos responsables do atentado da rúa Banyoles, as primeiras hipóteses suxiren que a súa autoría é obra dun grupo rival, non moi numeroso, pero dinámico e con importantes contactos no estranxeiro, expulsado hai meses tras a asemblea na que Francesc Bastida saíu reforzado como líder indiscutible do Aparato.

 

Bookmark the permalink.

Comments are closed.