Sen o ferro na rúa Banyoles
Naquel intre Francesc examinaba a súa cara fronte a un espello do local, mentres agardaba despreocupado a que lle desen a hamburguesa de año con salsa de menta que pedira. Pensaba na súa idade, que tiña uns pelos horribles nas orellas e que os seus ollos de miope semellaban querer ocultarse dentro da cabeza para acocharse con agarimo nos lóbulos do seu cerebro. Xirou a cabeza e foi entón cando os viu. E semellaba, pola linguaxe corporal, que un deles movera a súa mirada cara a el, tamén, por casualidade.
Non pasaron moitas cousas pola mente de Francesc pero de todas elas a que prevaleceu foi a lembranza do feito de que non tiña a pistola. Durante anos mantivera a discusión interna, antes de saír da casa, sobre a pertinencia ou non de cargar co ferro, de levar a arma consigo a todas as partes. Unha sentenza tirada da bagaxe popular gañaba sempre a man definitiva da partida: “nunca se sabe, Francesc”! Até que aquela noite de verán cedeu á inercia da comodidade. A calor húmida do Mediterráneo á que xa non estaba afeito foi quen suxeriu deixar a arma no apartamento. E foi entón, cando os dous homes se lle achegaban e a culpa se debuxaba na silueta negra da pistola sobre os garfos, os coitelos e as culleres do caixón da mesa da cociña, cando escoitou o asubío inconfundible e familiar do mísil que se viña cerca da súa posición.
Foi duro deixar Varsovia atrás, difícil non deixarme derramar até quedar baleiro alí, deitado como agora e moribundo, en Wilanów. Imaxinou a primavera, tentou abrir os ollos e ver as flores, as plantas, a figura de Ulises nos debuxos dos murais nas paredes do palacio. Regresar, a idea de volver, este era o motivo que bulía no seu corpo tirado sobre a rúa Banyoles e rodeado de entullo, po e cachotes. Diante del tiña de novo a mirada do inimigo. Era unha mirada inerte, morta, baleira de vida como tantas outras que xa tivera perante os seus ollos.
E metéuselle, nun recuncho descoñecido do ser, unha sensación que identificou co feito de saberse cerca da morte, o desexo a incrustárselle nas unllas e sentir de novo aqueles días de mocidade, aquel primeirísimo grolo de vodka e os días en que o xeo sobre os lagos non era unha imaxe relativa á prosa do común lonxincuo e irreal.