Temps Obert versió 11.1 é un proxecto na conmemoración do autor catalán Manuel de Pedrolo e o seu ambicioso ciclo novelístico Temps obert (Tempo aberto), escrito entre os anos 1963 e 1969, en plena ditadura franquista. Este enfoque dixital da idea orixinal de “novela total” concibida por Pedrolo non pretende ser unha continuación dos once libros do autor, senón unha nova interpretación multilingüe da súa idea orixinal. O proxecto conta coa colaboración virtual de cinco diferentes escritores que crearán textos nas súas cinco respectivas linguas nativas: galego, catalán, sueco, inglés e español, e intenta dar resposta a cuestións como até que punto o proceso de creación pode ser influenciado pola introdución de restricións no tempo e a temática, o xeito en que o fío narrativo das cinco narracións pode ser alterado polas outras catro e cal pode ser a súa duración aproximada.
Para acceder ao texto en galego, prema “aquí”.
Como funciona?
Cinco escritores publican semanalmente un fragmento de 350 a 400 palabras da súa narración na súa lingua materna: galego, catalán, inglés, sueco e español. Cada semana, un dos escritores lidera o camiño e será o primeiro en escribir para servir de inspiración aos catro restantes.
Podedes contribuír ao proxecto engadindo o voso propio fragmento de 350-400 palabras nos comentarios dun post na vosa lingua.
Autoría de “Tempo aberto”
“Tempo aberto” é a narración paralela do proxecto Temps Obert 11.1 escrita en galego. O seu autor, Isaac Xubín, é Licenciado en Filoloxía Galega e como creador ten publicado obras de poesía: Elementos de matemática (2002), Lisboa (2004) e Con gume de folla húmida (2012), poemario co que obtivo o premio da XXIV edición do Certame Eusebio Lorenzo Baleirón; e de narrativa curta: Château Bobcat (2009) e Le pied de Julien DuPuy (2011), ambos os dous primeiro premio do certame Os Viadutos de Redondela.
Como profesor e investigador elaborou un dicionario bilingüe galegoéuscaro, foi lector de lingua e cultura galegas no Colexio Universitario de Cork entre os anos 2009 e 2012 e na actualidade está interesado nas relacións entre literatura e gastronomía.
Como tradutor publicou traducións entre as que destacan Bilbao-New York-Bilbao de Kirmen Uribe, Alén da Fronteira. Sete poetas vascos (pola que gañou o premio Loís Tobío á mellor tradución do ano 2012) e Pasaia Blues de Harkaitz Cano.