O primeiro foi un libro, un agasallo de seu avó, que semellaba inocente dende a mirada daquela nena que aprendera a ler ben cedo e á que aquel home, viúvo tamén de forma temperá, ensinara a localizar, con certas evocacións que a nena non identificaba con claridade naquel tempo, topónimos, lugares como Varsovia, o río Volga ou a península de Crimea acochada no Mar Negro. Todo para que a nena fuxise durante un tempo do ambiente derrotado e triste, pegañento, do barrio de barracas onde vivían, ao carón do Mediterráneo.
A data da morte do poeta era clara na biografía que iniciaba o libro de poemas. Era a mesma biografía que encontrara despois noutros libros, unha biografía demasiado breve. Até que, coa idade de 15 anos, un pouco por casualidade, a adolescente soubo que aquel poeta fora asasinado por un pelotón de fusilamento de xeito extraxudicial. Ela estaba certa de que tiña que haber alguén que lembrase máis detalles, que lembrase aquel feito, que alguén debería estar en disposición de dar pistas a posibles vingadores, que puidese indicar datos fidedignos sobre as persoas que estiveron involucradas na morte, no asasinato do poeta.
O segundo elemento que empurrou a Núria a deixarse caer na vinganza empezou co paso lento dunha zodiac pola praia, preto da barraca, e que levou á adolescente a fixarse no mar, a ser testemuña da escena salvaxe que estaba a piques de producirse. Ve unha muller, a varios metros, que sostén algo entre as mans, semella encollida sobre si mesma. O ruído do motor da zodiac acala e a lanterna, era iso o que soportaba a muller entre as súas mans, emite un sinal composto por tres golpes de luz.
Entón Núria escoita un ruído e tírase ao chan de xeito automático, como se fose a chamada dun instinto que moito despois a sacaría doutras situacións semellantes, cando toda a praia se ilumina de súpeto polo artificio de grandes focos. A muller cae ao chan empurrada polo ímpeto dunha corda que leva atada ao van. A adolescente mira abraiada un grupo de sombras verdes que se achegan dende a liña que forman os focos, con metralletas, e que matan sen piedade ás persoas sorprendidas que baixan da zodiac. Aqueles derradeiros minutos da execución arrástranse pola esfera da memoria de Núria. Iso e o terceiro elemento: o garrote vil en que mataron a seu irmán.