Escuridade no hospital de la Santa Creu i Sant Pau
Francesc espertou sobre a cama do hospital con esa sensación de desarraigo que nos sorprende ás veces cando non estamos moi certos do lugar onde abandonamos a escuridade dos soños e das pálpebras pechadas. O primeiro instinto foi separar as costas do colchón e abrir os ollos para mirar con certo nerviosismo a todas as partes, na procura dalgún elemento que lle confirmase que estaba a salvo ou en malas mans. Pero o lugar estaba completamente ás escuras. Recordou a explosión e a imaxe dos ollos baleiros, mortos do seu perseguidor, sobre a rúa Banyoles, lembrou que era aquel lugar o último na súa memoria.
O primeiro sinal chegoulle á esquerda do seu leito. Por un corredor limitado e formado por dúas ringleiras de camas nas que descansaban en absoluto silencio os corpos doutros doentes e feridos, achegábase unha muller cunha carpeta azul que contiña certos documentos médicos relativos á saúde do paciente. Francesc empezaba a escoitar os seus pasos pero non podía ver nin o corredor, nin os doentes, nin á muller e moito menos as mans brancas que portaban aquel cartafol azul.
Os pasos facíanse con máis e máis espazo nos seus oídos, penetraban até as profundidades do seu cerebro, achegábanse á śua posición e Francesc non variou a postura dos seus músculos, permaneceu coa mesma expresión agardando a ter máis datos cos que avaliar a súa verdadeira situación. Cheiraba a hospital, polo eco dos zapatos sabía que estaba nunha sala moi ampla. Levou as mans aos ollos, cuestionouse se os tiña realmente abertos. Tiña gasas sobre eles. Estaba no leito dun hospital e sentíase abatido.
Ao chegar ao carón da cama, ela abriu o cartafol mentres se presentaba e comezaba a emitir a cualificación dos síntomas, un discurso que ao doente lle pareceu rápido de máis, era como se a cegueira lle impedise escoitar con propiedade. A única palabra que Francesc Bastida sentiu con nitidez, probablemente porque era a única que se axeitaba ao seu contexto, foi “oftalmoloxía”. Entroulle unha pequena vertixe, sentiuse fóra de ritmo e pediu á doutora que empezase de novo o seu diagnóstico.
A Francesc pasoulle un lampexo pola consciencia, un lóstrego que lle trouxo arrecendos das flores de Varsovia en primavera. Pero non, a voz comezou de novo polo máis sinxelo dos inicios, Estás no hospital de la Santa Creu i Sant Pau.