23

Rodas

Marta Fernández escoitou dende o seu cuarto o son da cafeteira italiana, abotoou o último botón da camisa e correu á cociña para apagar o lume. Estaba descalza, de pé sobre o chan sucio. Colleu da pía a mesma cunca que empregara a noite anterior para beber un vaso de leite, botou o café ben quente no seu interior, a súa única esixencia en canto ao almorzo, e mollou dúas bolachas. Non necesitaba nada máis. Pousou a cunca sobre a mesa e marchou ao dormitorio para poñerse os pantalóns e as zapatillas de deporte.

A sorpresa estaba agardándoa na rúa. Marta saíu do ascensor completamente despreocupada, camiñando moi amodo, tivo tempo de sobra para mirarse nun espello sen deterse, quedáballe ben aquela camisa e o pelo curto. Abriu o portal con ese pensamento, coa idea de cortar o pelo que lle dera o perruqueiro aquel de Madrid e o acerto que fora rexeitar o seu ofrecemento para tomar algo. Non adoitaba dicir que non a unha noite de festa e por primeira vez a responsabilidade de dar un golpe a soas por primeira vez fíxolle recapacitar e marchar á cama cedo. Ao mirar diante dela decatouse: o 124 estaba sen rodas.

O primeiro que saíu da súa boca foi un exabrupto. Non o fixo en voz alta pero o silencio das sete da mañá fixo que as súas palabras fosen escoitadas con claridade pola práctica totalidade dos que pasaban. Achegouse ao coche e rodeouno abraiada e anoxada. Faltábanlle as catro rodas, leváranlle as catro rodas e o peso do coche descansaba sobre catro pequenas columnas de tixolo colocadas con moitísimo xeito. E marchou a facer o que tiña que facer, unha compra especializada, en transporte público, algo que non facía dende que tres anos atrás fora identificada no metro por un policía de paisano.

O asunto foi que Marta volveu tarde á casa, moito máis tarde do que tiña previsto cando tomaba na cociña da súa casa o café quente. Abriu a porta da casa ás tres da tarde, coa inercia de quen está disposta a cociñar calquera cousa para escorrentar a fame e a sensación de baleiro do estómago. Por iso berrou, por iso lle saíu da gorxa un breve chío de escándalo e impresión cando viu sobre a mesa da cociña, unha sobre a outra, as catro rodas do seu coche. Estaba a piques de empezar a primeira asemblea do Aparatus.

Bookmark the permalink.

Comments are closed.