22

Adiantamento

Había dúas normas básicas que non se debían romper baixo ningún concepto. O espírito da primeira era termar do impulso da gula, do exceso. O roubo debe cinguirse a un tempo, un lóstrego en que dea opción a coller o obxectivo acordado. E nada máis. Por moi cerca que estivese aquel colar de perlas na xoiería que atracaran en Madrid, ningún dos dous irmáns desprazou o seu corpo para collelo. Porque non estaba dentro do plan, porque contaban con 2 minutos e dez segundos antes de que os sistemas de alarma do establecemento se activasen e Francesc sabía que se movía o corpo uns metros para coller aquelas perlas xa non poderían escapar con facilidade.

A segunda norma estaba pensada para dominar o pavor, o medo e era repetida tamén durante os intres que precedían a calquera roubo. Malia que o seu enunciado puidese parecer contraditorio, os irmáns Bastida eran conscientes de que o feito de portar armas facíaos perigosos para eles mesmos. Estaban decididos a non empregalas, a non disparar endexamais contra ninguén, baixo ningún concepto, nin sequera ante a ameaza dunha segura detención. O asasinato convertíaos en criminais perigosos, de primeira fila, e esa publicidade non lles viña nada ben. Na medida do posible tiñan que seguir sendo anecdóticos.

E era isto o que estaban a falar con voz baixa e xesto grave aquela mañá fría de xaneiro, mentres se puñan as luvas dentro do seu 124, diante dunha pastelaría, a 15 metros dunha oficina bancaria. Estaban a falar concretamente do arriscado que era levar nas mans os 560 gramos que pesaban aquelas dúas vellísimas Astra 300 cando o furgón blindado aparcaba a uns metros da súa posición. Ese era o intre en que toda a operación debía comezar, o intre concretísimo en que as rodas do furgón se detivesen por completo sobre o asfalto.

E foi entón, cando Jaume xiraba coa man esquerda a chave para poñer o motor en marcha, cando os marabillosos freos de disco doutro SEAT 124 se accionaban ao seu carón. Os dous irmáns quedaron con cara de parvos contemplando como unha soa persoa, por moito que fose tapada cun abrigo grande era evidente que se trataba dunha muller, cometía nuns segundos o golpe que eles tiñan programado. E foi así, sen preguntarse sequera cantas probabilidades había de que se dese aquela casualidade, de que todo iso estivese a acontecer, como coñeceron a Marta Fernández.

Bookmark the permalink.

Comments are closed.