Tocada polo lume
Núria está sentada á mesa, nunha caixa de madeira que tempo atrás contiña botellas de licor e que agora fai a función de tallo. Os labios carnosos e vermellos de Núria permanecen lixeiramente abertos namentres come das uvas negras dun acio que pinga o zume sobre un prato branco e vello. A nai está con ela na barraca, quentando o café do almorzo nuns fogóns vellos, nuns fogóns que xa deixaron a súa pegada negra e sucia sobre a parede da barraca. E hai herbas que crecen ao carón da porta da barraca e que ameazan con entrar, como se estivesen a pedir permiso.
Núria sente, tamén, que aumenta sen control o número, o tamaño da súa colección de odios, como se de súpeto crecese nela a capacidade de sinalar, de poder comprender o carácter hostil de certos elementos que a provocan, que a odian tamén á súa maneira, de xeito recíproco. Núria comproba que esperta a unha nova vida que lle di o que ten que facer. Foi difícil chegar até ese estado de consciencia, pero non sabe se poderá tomar as medidas lóxicas, coherentes e axeitadas para o seu novo estado de ánimo.
Non ten moitas ideas sobre o seu futuro, sobre os pasos concretos que faciliten os novos obxectivos da súa vida. O que é seguro é que está perfectamente adestrada, que non quere seguir agardando alí sentada na barraca. Necesita un cambio, un cambio de actitude que conleve quizais un cambio na súa propia personalidade. Agora, namentres Núria come as uvas, é capaz de mirarse a ela mesma e sentir que cambiará, deixa o acio con catro uvas amarradas e érguese sen limpar os labios vermellos e carnosos.
Núria diríxese ao único cuarto da barraca, que comparte cos seus pais, e recolle o libro de poemas. Colle unha bolsa, énchea de roupa, mete tamén a pistola que ten agochada no peto dun abrigo vello dende hai un par de semanas e sae da casa sen darlle un bico á súa nai, cun breve adeus dende o punto onde nacen as herbas ao pé da porta, case sen despedirse, como aparentando que estará de volta axiña. E non é así. Núria sabe que tardará en volver ás barracas, Núria sabe incluso que é probable que nunca máis volva ás barracas.
Núria vai na procura de todos e cada un dos membros do Aparatus.